Están matando a lingua galega. Pouco a pouco. Unhas persoas o están facendo conscientemente, outras pensan que é máis fino falar en castelán. É algo que percíbese, sobre todo, na vida cotiá das grandes cidades, aínda que tamén nalgunhas vilas pequenas.
Fai uns días observei unha entrega de galardóns na Televisión Galega. A pesar de que as locutoras e locutores sempre falan en galego, moitas das persoas que resultaron premiadas, todas elas galegas, por certo, falaban en castelán. Sentinme sorprendido e molesto ao constatar que cada vez son menos as persoas que nin sequera se esforzan pola súa lingua. Cheguei á conclusión de que a lingua galega, que é unha das sinais de identidade de Galicia e das súas xentes, está en perigo de morte.
Curiosamente, e con independencia do seu pensamento político, co que persoalmente non coincido, opino que é xusto admitir que Manuel Fraga Iribarne foi un dos presidentes da Xunta que fixo máis por impulsar o uso do galego, sobre todo cunha dinamización moi intensa na administración pública, algo que agora, nos tempos de Alberto Núñez Feijóo, resulta unha auténtica desfeita. Mágoa que aquel impulso de Fraga consistira en promover unha lingua galega afastada do portugués por medo ao independentismo, segundo aconsellaban os seus asesores. O portugués o falan millóns de persoas en moitos países e o idioma galego, máis abaixo de Oporto, presenta notables diferenzas que non permiten entendernos con facilidade. Pero as cousas foron dese xeito que conto e agora cada un deses dous idiomas avanza en paralelo, subliñando que o galego, en vez de medrar, vai morrendo lentamente coa axuda das autoridades autonómicas.
Tamén é xusto recoñecer a labor da Radio Televisión de Galicia, que é un dos organismos que máis traballa en prol do galego. Na súa programación, por exemplo, existe un pequeno espazo moi interesante e didáctico titulado “DígochoEu”, presentado por Esther Estévez Casado. Trátase dunha serie de espazos curtos nos que, dun xeito moi ameno, vanse corrixindo erros na fala e na escrita. Porén, como xa digo, salvo a labor da RTVG, non existen moitas máis iniciativas.
Antes de rematar este comentario paréceme importante subliñar que moitas persoas, coma eu, non tivemos a oportunidade de aprender o galego na escola e esforzámonos en utilizalo, sen dúbida con moitos erros que pouco a pouco imos corrixindo. Pero as correccións teñen que facerse con respecto e tolerancia porque, do contrario, moitas persoas séntense incómodas e terminan rexeitando unha lingua que agora, máis que nunca, necesita a axuda de todas e de todos.