A área sanitaria de Vigo súmase ao apoio aos enfermos de ELA na celebración, o próximo domingo, do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). Unha patoloxía para a que non existe cura hoxe en día, pero que si conta con determinadas pautas clínicas que poden proporcionar aos enfermos unha mellor calidade de vida, dependendo do seu grao de doenza.
A asociación de pacientes con ELA, Agaela, organizou ao longo da semana unha serie de charlas virtuais sobre distintos temas relacionados coa enfermidade como a comunicación dos pacientes, a doazón de órganos ou cerebros, e os avances en tratamentos para a ELA.
Na charla e coloquio sobre o cerebro interveu a nova directora do Biobanco, Susana Teijeira, e na referida aos tratamentos participou o neurólogo que leva a consulta de ELA do Chuvi, Arturo Fraga, entre outros.
O doutor Fraga apuntou que “nos últimos anos rexistrouse un aumento de casos de ELA, sen que se coñezan os motivos desta circunstancia”. Os facultativos da área sanitaria de Vigo atenden na actualidade a 36 pacientes.
De feito, Arturo Fraga iniciou un traballo que pretende determinar algúns dos factores que desencadean a aparición da ELA, entre os que poderían estar os hábitos de vida, as dietas ou outros compoñentes similares.
Enfermidade crónica e dexenerativa
A Esclerose Lateral Amiotrófica é unha enfermidade dexenerativa de tipo neuromuscular. Orixínase cando algunhas células do sistema nervioso denominadas motoneuronas, diminúen o seu funcionamento e morren, provocando unha parálise muscular progresiva.
Na ELA, as funcións cerebrais non relacionadas coa actividade motora, como a sensibilidade e a intelixencia, mantéñense inalteradas. Por outro lado, apenas resultan afectadas as motoneuronas que controlan os músculos extrínsecos do ollo, polo que os enfermos conservan os movementos oculares ata o final e tampouco resultan afectados os músculos dos esfínteres.
A enfermidade afecta, especialmente, a persoas de idades comprendidas entre os 40 e 70 años, máis frecuentemente en varóns e entre os 60 y 69 años.
Na área sanitaria de Vigo atenden aos pacientes con ELA un neurólogo, catro pneumólogos, díuas psicólogas, unha traballadora social e tres endocrinólogas, ademais doutro persoal sanitario e non sanitario.
O obxectivo principal do equipo que controla aos enfermos é conseguir tratamentos que melloren a calidade de vida dos pacientes con esta patoloxía, que polo momento non ten cura.