O hospital Álvaro Cunqueiro realizou este mércores a despedida oficial dunha nova promoción de residentes que concluíron o seu período de formación como especialistas, tanto médicos como enfermeiras. Este ano, para evitar grandes concentracións de persoas e garantir as medidas preventivas de distanciamento social, esta despedida non se efectuou nun acto institucional conxunto para todos eles, senón en varios eventos con grupos reducidos.
Os novos facultativos pasaron catro ou cinco anos, dependendo da especialidade, nos distintos servizos, mentres que as novas enfermeiras especialistas formáronse durante dous anos.
No transcurso deste evento -presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña- os 78 novos especialistas recibiron unha copia da orla oficial, ademais dun agasallo institucional.
Os residentes que terminaron o seu período de formación distribúense en case todos os servizos: un especialista en Análises Clínicas, dous en Anatomía Patolóxica, dous en Anestesia e Reanimación, un en Anxioloxía e Cirurxía Vascular, un en Aparello Dixestivo, dous en Cardioloxía, dous en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, un en Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, un Cirurxía Cardiovascular, un Cirurxía Torácica, un en Endocrinoloxía e Nutrición, un en Hematoloxía e Hemoterapia, 17 en Medicina Familiar e Comunitaria, un en Medicina Física e Rehabilitación, dous en Medicina Interna, un Medicina Intensiva, un en Medicina Nuclear, un de Medicina do Traballo, dous en Nefroloxía, un en Neuroloxía, un en Neurocirurxía, dous en Obstetricia e Xinecoloxía, dous en Oftalmoloxía, un en Oncoloxía Médica, un en Otorrinolaringoloxía, catro en Pediatría, un en Pneumoloxía, un en Psicoloxía Clínica, dous en Psiquiatría, dous en Radiodiagnóstico, un en Radiofísica Hospitalaria, un en Uroloxía e un en Xeriatría.
Tamén concluíron a súa formación seis especialistas en Enfermería Familiar e Comunitaria, catro máis en Enfermería Pediátrica, dúas enfermeiras especialistas en Saúde Mental e catro matronas especialistas.
Nestes momentos, na área de Vigo estanse formando un total de 320 graduados, tanto en hospitais como en centros de saúde.