Este luns celébrase o Día Internacional do Cancro Infantil. Esta data tan sinalada ten o obxectivo de concienciar á sociedade sobre esta enfermidade e intentar que todos os nenos teñan acceso a un diagnóstico e tratamento axeitado. Aínda que este ano, debido á Covid-19, non se poderán realizar as actividades lúdicas habituais, o hospital Álvaro Cunqueiro quíxose sumar a súa conmemoración e enviar unha mensaxe de “apoio e esperanza” a todos os menores que están loitando contra esta enfermidade e as súas familias.
A oncóloga da Unidade de Oncoloxía pediátrica do Chuvi, Cristina Lorenzo, manifesta que “nun día coma hoxe é moi importante transmitir optimismo aos nosos pacientes e á sociedade en xeral”. “O índice de supervivencia do cancro infantil sitúase aproximadamente nun 80%, con progresivos avances ano a ano. Ademais, un obxectivo clave do noso traballo é a mellora na calidade de vida destes nenos e nenas. Neste ano, especialmente complicado, os nosos pacientes demostraron ser un exemplo a seguir na loita contra a Covid-19, polo que puidemos manter a nosa actividade asistencial sen documentarse ningunha infección”, engade.
O cancro infantil non se pode previr, polo que os esforzos céntranse en lograr o diagnóstico temperá dos casos, e en dispoñer dos mellores tratamentos, porque é aquí onde reside a clave da supervivencia dos menores e a súa calidade de vida. Os puntos fundamentais desta atención son: un diagnóstico precoz, tratamento protocolizado, seguimento de efectos secundarios, e apoio noutros temas importantes para a familia e os nenos como a escolarización e a reincorporación a súas vidas tras o tratamento.
O cancro que afecta en maior medida aos menores é a leucemia. Séguenlle os tumores do sistema nervioso central e os linfomas, Durante o pasado ano, foron diagnosticados 25 casos novos (3 máis que no ano anterior) no Chuvi. En xeral, a Unidade de Oncoloxía pediátrica do Álvaro Cunqueiro atende a 160 menores da área sanitaria viguesa. A maioría deles están en fase de seguimento en consulta, unha vez concluído o seu tratamento no hospital.
Nestes momentos, hai 10 pacientes en fase de tratamento activo (quimioterápico). O Hospital de Día Pediátrico atende de xeito ambulatorio a unha media diaria de 8 pacientes. O seguimento dos nenos que xa concluíron o seu período hospitalario oscila entre cinco e dez anos, segundo o tipo de tumor que padezan. Ademais, nas consultas realízase un seguimento de pacientes con síndromes xenéticos con predisposición ao cáncer para realizar un diagnóstico de precoz.
Atención integral
A atención sanitaria prestada nos hospitais pretende dar unha resposta óptima dende o punto de vista médico, pero tamén quere ofrecer unha atención integral, que comprenda todos os aspectos da esfera ‘psico-bio-social’ da persoa e da súa familia.
Neste marco, a educación regrada é un elemento esencial. O Álvaro Cunqueiro conta cun Aula Hospitalaria, cun equipo docente de dous profesoras que prestan soporte académico, que permite aos nenos e nenas ingresados manter a súa conexión, tentando que poidan seguir desenvolvendo o programa académico do seu centro.
Ademais da programación académica, préstase especial atención ás actividades lúdicas e de lecer. É un dos obxectivos prioritarios do seu Plan Estratéxico XXI, a humanización das áreas de maior sensibilidade, con especial atención á infancia. Trátase de que os nenos e nenas esquezan ou minimicen o trauma que supón a hospitalización, o chamado “síndrome hospitalario”, e contribuír a facerlles máis grata a súa estadía no centro.
Para isto conta coa colaboración de varias Asociacións como Bicos de Papel, ASANOG, Doutores Sonrisa, Magos solidarios de Abracadabra, Galiclown, os Bombeiros de Vigo ou a Cruz Roja entre outras. Aínda que este ano, por mor da pandemia, estas actividades presenciais tiveron que ser restrinxidas, algunhas deles continuaron ofertándose online.