A depresión é a causa máis importante da conduta suicida. Cada ano ocorren ao redor de 800.000 suicidios consumados en todo o mundo, dos que un 90% teñen lugar no contexto dun trastorno psiquiátrico, principalmente a depresión.
Para detectar precozmente a depresión e mellorar o seu tratamento, así como para avanzar na prevención do suicidio, a Alianza Europea contra a Depresión (EAAD) puxo en marcha o Proxecto EAAD-Best, unha iniciativa coordinada en España polo CIBER de Saúde Mental (CIBERSAM) e financiada pola Unión Europea, que agora bota a andar en tres rexións españolas: Andalucía (Hospital Universitario Virgen del Rocío), Comunidade Valenciana (Hospital Clínico Universitario) e Galicia (Chuvi).
O coordinador rexional, o xefe do servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Vigo, José Manuel Olivares, explica que se trata de que “os principais centros españois de excelencia en canto á investigación e a intervención en saúde mental unan as súas forzas para mellorar o tratamento da depresión e previr o suicidio, reducir o estigma, mellorar a educación en saúde mental e fomentar a procura de axuda por parte das persoas afectadas”.
A intervención que levará a cabo nestas comunidades autónomas inclúe diversas actividades destinadas a mellorar a atención da depresión e a prevención do suicidio, realizando accións específicas en catro niveles.
O primeiro céntrase na formación para médicos de atención primaria e profesionais da saúde mental sobre como recoñecer e tratar a depresión e explorar as tendencias suicidas no ámbito da atención primaria.
O segundo aspecto inclúe campañas de concienciación sobre a depresión para o público xeral, co obxectivo de mellorar o coñecemento acerca dos tratamentos adecuados para a depresión, diminuír as actitudes de estigmatización cara á depresión e estimular o comportamento de procura de axuda.
En terceiro lugar, contémplase a formación para profesionais e facilitadores comunitarios (por exemplo, farmacéuticos, profesores, sacerdotes, policías ou xornalistas), co obxectivo de aumentar os seus coñecementos sobre os trastornos depresivos e poder proporcionar axuda en caso de detectar risco de suicidio.
E, ademais, prevese unha cuarta liña de acción centrada en actividades de apoio a pacientes, familiares e grupos de alto risco para garantir o acceso directo á atención da depresión e á axuda profesional nunha crise suicida (por exemplo, apoiando a creación e continuidade de grupos rexionais de autoaxuda ou liñas telefónicas de axuda). Neste campo, tamén promoverá a utilización da ferramenta iFightDepression, un programa online para a autoxestión dos síntomas depresivos de leves a moderados, e a súa páxina web para a prevención e concienciación sobre a depresión e a conduta suicida.
Esta intervención en catro niveles deseñada pola EAAD foi recoñecida como un programa de intervención de ‘Mellores prácticas para a prevención do suicidio’ no informe da OMS e o Libro Verde da Comisión Europea sobre Saúde Mental. A estratexia implementouse xa en 120 rexións en 15 países dentro e fóra da UE, ás que agora se suman estas tres comunidades españolas.
Guía para informadores
No marco do Proxecto Europeo EAAD-Best para a detección precoz da depresión e a prevención do suicidio, o CIBER de Saúde Mental acaba de difundir tamén a ‘Guía para xornalistas sobre a cobertura mediática do suicidio’. O manual pretende ofrecer aos profesionais da información consellos prácticos sobre como informar de forma responsable sobre o suicidio, contribuíndo a mellorar a súa prevención.
As investigacións demostran que a cobertura dos medios de comunicación sobre o suicidio pode aumentar a probabilidade de que se produzan posteriores imitacións, no que se coñece como ‘efecto Werther’. Con todo, unha cobertura mediática centrada no exemplo daquelas persoas que ante a conduta suicida buscan axuda e superan a crise pode ter un efecto positivo. Os especialistas aseguran que a prensa xoga un papel importante e positivo na prevención dos suicidios, xa sexa mediante unha información responsable, aumentando a conciencia pública e reducindo o estigma relacionado coas enfermidades mentais, ou mellorando a conduta de procura de axuda das persoas con enfermidades mentais.
Unha revisión recente dos estudos neste campo, reportou que no período de un a dous meses despois de que os medios de comunicación informen da morte dun famoso por suicidio, o número de suicidios parece aumentar entre un 8 e un 18%; e cando se informa dun método de suicidio específico, hai un aumento de entre un 18 e un 44% no risco de suicidio polo mesmo método. Así se puido comprobar tras mortes moi mediáticas como a de Marilyn Monroe, pero tamén outras máis recentes como a de Robin Williams. Por iso, a guía recolle pautas sobre como se debe e como non se debe informar.
Como informar “en positivo”
Evitar que estas informacións vaian destacadas na publicación e limitar a duración da cobertura, fuxir de titulares sensacionalistas, así como non incluír descrición dos detalles, son consellos básicos. Pero a guía incide especialmente en que non debe nunca presentarse o suicidio como unha solución comprensible ante unha crise, nin describirse como algo inexplicable e sen sinais de advertencia, nin simplificar as causas do suicidio a un único acontecemento.
Así mesmo, animan a presentar os suicidios como un problema de saúde pública, informando dos mesmos no contexto dunha enfermidade mental, e incluír, na medida do posible, a opinión de profesionais expertos en prevención do suicidio (psiquiatras, psicólogos). E, nesta liña, debe sempre destacarse que tratamentos ou axuda profesional están dispoñibles, facilitando datos de contacto para o acceso a estes recursos de apoio.
CIBERSAM
O Centro de Investigación Biomédica en Rede (CIBER) é un consorcio dependente do Instituto de Saúde Carlos III (Ministerio de Ciencia e Innovación) e cofinanciado con fondos FEDER. O CIBER de Saúde Mental (CIBERSAM) está formado por 26 grupos de investigación clínica, preclínica e traslacional. Está orientado fundamentalmente ao estudo de trastornos mentais como depresión, esquizofrenia, trastorno bipolar, así como os trastornos de ansiedade e trastornos mentais do neno e do adolescente ou a innovación terapéutica.