A área sanitaria de Vigo anunciou este luns que vén de realizar 19 incorporacións de facultativos e facultativas aos equipos profesionais da Atención Primaria. A pasada semana rematouse o procedemento para cubrir con vínculos de longa duración -nomeamentos de interinidade- nove prazas de Medicina Familiar e dez de Pediatría nos centros de saúde.
En concreto, os nove médicos xerais se incorporaron aos centros de López Mora (3), Lavadores (1), Coruxo (1), Moaña (1), Ponteareas (1), Tui (1) e ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Cangas-Moaña (1). No referido á Pediatría, vense de cubrir dúas prazas na Dobrada, unha en Pintor Colmeiro, unha en Val Miñor, unha en Baiona, unha en Cangas, unha en Moaña, unha na Cañiza, unha en Ponteareas e unha en Tui.
Ademais deste anuncio -que intenta atallar as protestas dos usuarios da sanidade pública, que están atopando moitas dificultades para ser atendidos nos seus centros de saúde- o Sergas quixo salientar que este ano o cadro do persoal da Atención Primaria da área sanitaria de Vigo dotouse con 18 prazas de nova creación, con previsión de crecemento tamén no ano 2021.
Con estas novas prazas xa son 26 as creadas para incrementar os recursos humanos da Atención Primaria viguesa, xa que veñen a engadirse aos oito novos efectivos –dous fisioterapeutas, tres especialistas de Medicina Familiar e tres de Enfermería- incorporados no último trimestre do pasado ano.