O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o nomeamento dun total de 245 profesionais na área sanitaria de Vigo, seleccionados na última oferta pública de emprego das categorías de celador, enfermeiro e grupo auxiliar da función administrativa. Este persoal comezou este venres a tomar posesión das súas prazas.
Esta toma de posesión supón a incorporación deste persoal con condición de fixeza, acadando así unha porcentaxe de estabilización do 75% de persoal estable. Por categorías, esa porcentaxe sería do 79% en enfermaría , do 90% en grupo auxiliar da función administrativa e do 82% en celador.
Un total de 133 destinos foron adxudicados na categoría de enfermaría, que se incorporarán en distintos servizos de ámbito hospitalario. Ademais, 40 pertencen á categoría de grupo auxiliar da función administrativa e e 72 á categoría de celador. Nesta última categoría, hai tres celadores da quenda de discapacidade intelectual, co que se dá cumprimento á integración laboral destas persoas.
Coa adxudicación das prazas, declárase finalizado o concurso-oposición para o acceso á condición de persoal estatutario fixo destas categorías. O persoal nomeado disporá do prazo dun mes, ata o 19 de outubro, para tomar posesión do seu posto. Con todo, este venres tiveron lugar a maior parte das incorporacións que se realizaron con cita previa no Hospital Alvaro Cunqueiro e Hospital do Meixoeiro.