A área sanitaria de Vigo vén de poñer en marcha un proxecto de voluntariado para loitar contra o coronavirus COVID-19. Trátase dun programa que, nunha primeira fase, arranca con persoal sanitario xubilado, que colaborará na atención telefónica á cidadanía.
Así, un equipo de seis profesionais – médicos e enfermeiras- ofrecerán apoio e asesoramento telefónico aos cidadáns que o soliciten a través do teléfono 900 400 116. Os operadores desas liñas serán os que redirixan determinadas chamadas a estes profesionais, aos que se lles facilitaron uns teléfonos específicos para realizar esta labor.
A previsión é que nos próximos días este equipo de voluntarios xubilados vaia crecendo ata contar con 20 profesionais dedicados á atención telefónica.
Con esta iniciativa trátase de reforzar a atención ofertada nese teléfono, co persoal sanitario propio da área de Vigo, que ten acceso á organización, aos seus profesionais e aos circuítos establecidos para a atención ao COVID-19.
Trátase do primeiro proxecto de voluntariado posto en marcha nesta área sanitaria. No momento actual estase recrutando persoal que, de xeito desinteresado, queira colaborar en diversos ámbitos na atención a este pandemia. Neste senso, habilitouse un enderezo de correo electrónico (voluntariado.asvigo@sergas.es) ao que se poden dirixir todos aqueles cidadáns que queiran aportar algún labor de voluntariado.