Con motivo da finalización do contrato coa empresa que viña prestando asistencia de terapias respiratorias domiciliarias, o Servizo Galego de Saúde vén de formalizar un novo contrato, a través de concurso público, para xestionar esta prestación nas diferentes áreas sanitarias galegas.
A empresa adxudicataria resultante do concurso, EsteveTeijin, achegarase aos domicilios dos pacientes que están con estes tratamentos para substituír os aparatos respiratorios por outros novos e realizar os axustes necesarios nas instalacións para asegurar a continuidade do servizo nas mellores condicións. “O Servizo Galego de Saúde garante que cada paciente disporá do mellor equipo axeitado a súa situación, así como a seguridade en todo este proceso de cambio de equipos”, indica a Consellería de Sanidade.
Así, a partir de novembro, a compañía contactará de xeito progresivo con cada paciente para concretar unha cita en domicilio. O técnico que acuda irá perfectamente identificado co logotipo da empresa así como coas medidas e equipos de protección individual necesarios fronte ao Covid-19. Para calquera dúbida, a empresa dispón dun Servizo de Información e Atención ao Paciente operativo as 24 horas todos os días do ano, a través do número de teléfono gratuíto 900 400 100.
Na área sanitaria de Vigo hai 10.000 pacientes con terapias respiratorias domiciliarias. Estes tratamentos son prescritos polos facultativos aínda que a prestación do servizo-instalación e xestión técnica dos equipos- corre a cargo de empresas concertadas especializadas.
As terapias respiratorias domiciliarias máis frecuentes son a osixenoterapia -que controla e corrixe a diminución de osíxeno no sangue en pacientes con insuficiencia respiratoria crónica- e a CPAP para o tratamento da apnea do sono.
Ademais, tamén hai pacientes en casa con outras terapias como a ventilación mecánica –en enfermos que necesitan soporte para respirar- ou a aerosolterapia, inhalación de determinada medicación para tratar asmas ou bronquites.