Cun orzamento de 1.956.240 euros, a Xunta adquiriu 560.000 doses para esta campaña autonómica. Delas, 250.000 son de vacina reforzada, destinadas a persoas ingresadas en residencias da terceira idade e para o resto de persoas maiores de 75 anos. As 310.000 doses restantes son vacinas antigripais convencionais, destinadas á poboación de calquera idade, a partir dos 6 meses de vida.
Ao igual que o ano pasado, a Consellería de Sanidade conta cunha web -http://gripe.sergas.gal- con información técnica e de xestión para profesionais sanitarios e con aspectos prácticos para a cidadanía.
Entre os obxectivos específicos deste ano, repítese acadar unha cobertura de vacinación do 65% ou máis na poboación de 65 ou máis anos. Respecto ao obxectivo específico de cobertura nos traballadores sanitarios do SERGAS, increméntase ata acadar o 40%, 5 puntos por enriba do obxectivo da pasada campaña de 2016.
Para acadar estas coberturas entre a poboación, a Consellería de Sanidade establecerá axendas de citación especial para a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria.
A partir da cuarta semana de campaña, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria promocionarán a vacinación mediante un consello telefónico dirixido á poboación entre 65 e 74 anos dos seus respectivos cupos.
Poboación diana
A campaña de vacinación fronte a Gripe 2017 diríxese a todas as persoas con 60 ou máis anos e ás persoas de 6 meses a 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco. Aquí estarían incluídas ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias, persoas institucionalizadas con procesos crónicos, persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias, nenos a partir de seis meses e adolescentes con tratamentos prolongados de aspirina, persoas con obesidade mórbida e mulleres embarazadas.
Tamén se inclúen na poboación diana os grupos que poden transmitir a gripe a outras persoas de alto risco -como traballadores de centros sanitarios ou residencias- así como persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros.