A e-interconsulta permite ao médico de Familia enviar telemáticamente ao reumatólogo, para a súa valoración, os datos do paciente, a súa historia clínica e as probas realizadas ata ao memento. Será o reumatólogo quen decida a necesidade de novas probas complementarias ou que o paciente sexa derivado a súa consulta.
A novidade é que non se trata dun proxecto a realizar senón dun sistema que leva tempo en funcionamento e que conta con resultados concretos. A colaboración entre o servizo de Reumatoloxía do CHUVI e os centros de saúde da área viguesa permitiu que, mediante protocolos consensuados, derivacións de pacientes que se realizan desde a consulta do médico de Familia ao servizo de Reumatoloxía se fagan mediante este procedemento.
Así o explica o doutor José María Pego, reumatólogo do CHUVI e coordinador do Grupo IRIDIS (Investigación en Reumatoloxía e Enfermidades Inmuno-Mediadas) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O doutor Pego e a doutora Elena Lorenzo, actualmente Directora de Procesos sen Ingreso e Urxencias da EOXI viguesa, son os investigadores principais do mencionado proxecto, no que tamén participan os servizos de Calidade da área sanitaria viguesa.
O recoñecemento a nivel nacional prodúcese despois de varios anos de experimentación do sistema de teleconsulta entre os dous ámbitos sanitarios. Unha colaboración que supón un beneficio para os pacientes e tamén para a rapidez na detección precoz e tratamento de enfermidades reumatolóxicas.
“A derivación de pacientes desde os centros de saúde ao servizo de Reumatoloxía realízase a través da teleconsulta. Previamente, o servizo estableceu de maneira consensuada con Atención primaria, uns criterios de derivación prioritaria a Reumatoloxía. Tamén se acordaron entre ambos niveis asistenciais as probas diagnósticas a realizar, en función da patoloxía reumatolóxica que sospeite o médico de Familia”, afirma o doutor Pego.
Melloras en diagnósticos e tratamentos
Dacordo cos resultados experimentados desde a implantación da teleconsulta, rexístranse importantes vantaxes tanto desde o punto de vista asistencial como para o propio paciente.
En primeiro lugar, o coñecemento temperá do caso polo reumatólogo permite acurtar o tempo de atención daqueles pacientes prioritarios como poden ser os que padecen artrites/espondiloartrite de inicio ou as enfermidades reumatolóxicas autoinmunes sistémicas (lupus eritematoso sistémico, esclerodermia, síndrome de Sjögren, ou vasculite, entre outras).
En segundo lugar, a capacidade de resolución polo especialista de Reumatoloxía dunha porcentaxe de casos (fundamentalmente, no ámbito da osteoporose) sen necesidade de desprazamento do paciente, baseada na correcta información clínica e diagnóstica achegada polo facultativo de Atención primaria.
E en terceiro lugar, o aumento do grao de resolución na primeira visita presencial do paciente á consulta do reumatólogo.
Peticións de densitometrías
A implantación da teleconsulta como vía de derivación de pacientes desde Atención primaria ao servizo de Reumatoloxía foi paralela á elaboración conxunta da «Guía de actuación na osteoporose na EOXI de Vigo».
Nesta guía estableceuse de maneira consensuada entre ambos niveis asistenciais (o Servizo de Reumatoloxía e os centros de saúde de Pintor Colmeiro e Porriño) unhas recomendacións diagnósticas e terapéuticas no manexo dos pacientes con sospeita de osteoporose. Isto foi unido á apertura da solicitude de densitometría ósea (proba que serve para determinar a densidade mineral nos ósos) polos facultativos dos centros de saúde.
Previamente á implantación da teleconsulta en Reumatoloxía, non se podían pedir densitometrías óseas desde Atención primaria.
Dacordo cos últimos datos do servizo, solicitánse anualmente máis de 3.100 densitometrias, das que o 30%, unha de cada tres, realízanse desde os centros de saúde.
Un estudo piloto, feito en dous centros de saúde antes de que se xeneralizase a solicitude da proba, mostrou que preto do 100% das peticións polos médicos de Familia cumprían os previamente consensuados. Por outra banda, ata nun 10% dos casos, o resultado da densitometría levou á retirada dun tratamento antiosteoporose inadecuado.
Beneficios para profesionais e pacientes
No ámbito da osteoporose, o proxecto supuxo que os facultativos dos centros de saúde puidesen solicitar densitometrías, dacordo cos criterios fixados entre os dous niveis asistenciais.“Isto favorece a detección máis temperá de casos no grupo de poboación de risco máis alto, constituído por aqueles individuos que presentan un maiores factores de risco de osteoporose ou de fractura ósea de baixo impacto”, afirma o doutor Pego.
No ámbito das enfermidades reumatolóxicas autoinmunes sistémicas, a atención máis temperá das mesmas tamén contribúe a un diagnóstico e tratamento precoces. Isto produce unha redución no dano (secuelas) e unha melloría no prognóstico destas patoloxías.