Os datos oficiais publicados este venres polo Servizo Galego de Saúde reflicten que a 31 de decembro do 2020 a demora media global para operarse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi de 66,3 días (5 días máis que o pasado ano). Malia este crecemento, o xerente da área sanitaria, Javier Puente, asegurou que estes datos “superaron as nosas expectativas, dado que a pesar do efecto da pandemia da Covid-19 e da obrigada redución da actividade, conseguiuse remontar e manter as demoras medias similares ás do pasado ano, en torno aos dous meses de espera”.
Con todo, Puente recoñece que hai que subliñar que existen dúas variables que é necesario introducir nesta avaliación. Unha é a menor frecuentación da cidadanía aos servizos sanitarios, que provoca unha diminución das indicacións de entrada na lista de espera. A outra é a priorización cirúrxica dos pacientes que levaban máis tempo esperando. Estes dous factores contribúen a que no cómputo global os tempos de espera medio sexan moi similares aos do ano pasado.
Por tramos temporais, dos 6.824 pacientes que nestes momentos están a espera dunha operación, o 77% presentan unha demora media entre 0-3 meses; o 20% entre 3 -6 meses; e un 2,5% están no rango entre 6-12 meses. 0 xerente subliñou que por segundo ano consecutivo a lista de espera estrutural non rexistra pacientes que leven máis de 12 meses esperando unha intervención cirúrxica.
Hai que destacar tamén que a espera media actual para as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 no Chuvi é de 22,8 días, polo que se continúa “garantindo e mellorando” o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que establece que estas intervencións de maior gravidade se operen en menos de 30 días.
Segundo os servizos sanitarios, dez das 14 especialidades cirúrxicas rexistran unha espera media por debaixo dos 60 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados destacar Cirurxía Torácica (24,5 días); Dermatoloxía (40,4 días); Uroloxía (42,8días); e Cirurxía Vascular (46,6 días). Outras das especialidades que tamén evidenciaron unhas significativas melloras das súas demoras medias son Xinecoloxía, con 51,7 días de espera, oito menos que no exercicio anterior; Cirurxía Plástica, con 15,5 días menos e unha demora actual de 60,7 xornadas.
No referido ás consultas externas, a 31 de decembro hai rexistrados 24.251 pacientes que esperan unha media de 41 días para ser atendidos por un especialista. Son un 34% de pacientes menos que o pasado ano e que esperan dez días menos.
Sen dúbida, estes resultados están en relación cunha menor demanda de atención médica por parte da cidadanía e tamén coas medidas impulsadas polo Sergas para manter a actividade en consultas externas, compatibilizando os modelos de atención presencial coa teleconsulta e a consulta telefónica.
Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro mantense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A dia de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implantadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, Vexiga e Anafilaxia Himenópteros. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeiro contacto co especialista hospitalario é de menos de 1 día de demora media global.
En canto ás probas diagnósticas, conseguiuse baixar a demora media en 13,5 días ao pasar das 71 ás 57,5 xornadas. “Con todo, en xeral, as demoras medias do resto das probas diagnósticas teñen que mellorar, polo que ao longo deste ano deseñarase unha estratexia que nos permita situar eses tempos de espera en rangos aceptables”, sinala Puente.
Para finalizar, o xerente asegurou que se continuará traballando no desenvolvemento de actuacións que faciliten manter ese equilibrio necesario para dar unha resposta ás necesidades asistencias que precisa a atención a esta pandemia sen detrimento da atención ao resto de enfermidades. “Nestes momentos estamos mellor preparados, temos xa consolidados os novos circuítos organizativos e asistenciais, dispoñemos dunha gran capacidade diagnóstica, coñecemos mellor o comportamento do virus e contamos con terapias máis eficaces para facerlle fronte. Por isto, teño a absoluta convicción de que este ano conseguiremos progresar e compatibilizar coas máximas garantías esa dobre atención simultánea á Covid-19 e ao resto de patoloxías”, apunta.