A folga do servizo de Otorrinolaringoloxía (ORL) do Hospital Clínico de Santiago de Compostela (CHUS) completou esta semana a terceira xornada. O seguimento destes paros laborais está roldando o 70 % e provocaron, ata o momento, a suspensión de máis de duascentas consultas, ás que se sumarán as anulacións que se produzan nos vindeiros días de folga, o 21 e o 29 deste mes.
Desde a Federación de Sanidade de CCOO lamentan que a «inoperancia» da Xerencia prexudique os doentes da área sanitaria Santiago-Barbanza e sinala que a os paros continuarán mentres non se dea unha solución ao conflito.
Por outra parte, o comité de folga, no que hai nove médicos especialistas en ORL, denuncia as manobras da Xerencia para diminuír o impacto dos paros, ben sexa facendo cambios de actividade, ben sexa coa desprogramación de citas para os días de folga. «Oxalá tivesen a mesma axilidade para darlle solución ás nosas xustas reivindicacións», censuran os profesionais.
Humillacións e menosprezos
A Federación de Sanidade de CCOO reitera que existe un conflito polo tratamento persoal e profesional entre o xefe de servizo e a maioría dos facultativos, que foi aumentando en número de traballadores e traballadoras afectadas, así como na intensidade «das faltas de respecto, humillacións e menosprezos». O sindicato tamén constata un «caos organizativo» que atribúe a este responsable.