A incidencia do COVID-19 nos pacientes con Enfermidade Inflamatoria Intestinal na Área Sanitaria de Vigo é mínima. Así o reflicten os datos de que dispoñen os integrantes da Unidade de EII do CHUVI.
Tan só 4 pacientes dos que están rexistrados e en seguimento pola Unidade tiveron o virus. Unha porcentaxe ínfima, xa que nestes momentos están rexistrados 1.929 enfermos e a Unidade controla, de forma directa, a 1.410 doentes nos dous últimos anos.
Con todo, a realidade do virus está aí e por ese motivo os integrantes da Unidade de Enfermidades Inflamatorias Intestinais decidíronse a organizar unha sesión formativa sobre o COVID e estas patoloxías. Unha actividade que coincide coa celebración, hoxe, do Día Mundial da Enfermidade Inflamatoria Intestinal e na que tamén colabora a Asociación de Pacientes con enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU).
O formato da sesión, debido ás restricións polo confinamento, será telemático, a través de videoconferencia, na que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, a través dunha ligazón.
O doutor Vicent Hernández será o encargado de iniciar a videoconferencia e falará sobre que é o COVID-19, o contaxio, os tratamentos e as medidas de prevención. A doutora Luisa de Castro intervirá a continuación para disertar sobre a Enfermidade Inflamatoria Intestinal e o COVID-19. “Non se pode perder de vista a existencia do virus e, a pesar de que a incidencia nos nosos pacientes é moi pequena, temos que estar alerta e sobre todo non baixar a garda nas medidas de prevención”, explica a doutora De Castro.
As medidas de prevención de lavado de mans e de uso máscaras, así como a adecuación das consultas de EII á pandemia e os aspectos laborais, serán outros aspectos para tratar na conferencia e estarán a cargo de persoal de enfermería da Unidade.
A sesión concluirá cun repaso ao aspecto emocional dos pacientes na pandemia, no que se falará do desenvolvemento do Taller de Afrontamento da EII (“Intestinarte”), que comezou a funcionar a finais do pasado mes de febreiro. A sesión comezará ás 19 horas e tras as exposicións dos relatores, abrirase unha quenda de preguntas e debate.
A Enfermidade Inflamatoria Intestinal
A EII inclúe fundamentalmente a Enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. Ámbalas dúas son enfermidades inflamatorias crónicas que afectan ao aparello dixestivo con períodos de actividade e períodos de remisión. Ademais dos síntomas dixestivos, poden aparecer tamén manifestacións articulares, na pel e noutros órganos como os ollos e o fígado.
O síntoma principal en ambas enfermidades é a diarrea que pode acompañarse de rectorraxia (sangue nas feces), principalmente na Colite Ulcerosa. Noutras ocasións o síntoma é dor abdominal, anemia, perda de peso, febre e atraso do crecemento nos nenos. Ante estes síntomas póñense en marcha o máis rápido posible os estudos que permiten facer o diagnóstico.
A EII é unha enfermidade crónica de orixe descoñecida, que se é mal controlada pode evolucionar a un dano estrutural intestinal e complicacións. A enfermidade presenta períodos de actividade e remisión, e en ocasións precisa ingresos hospitalarios e cirurxías. O obxectivo do tratamento é lograr a remisión (ausencia de síntomas) o máis rápido posible e mantela no tempo, o que se consegue na maior parte dos casos, pero con necesidade de tratamento crónico. Por este motivo é unha enfermidade con un importante impacto psicolóxico e na calidade de vida dos pacientes.
Así, ademais do tratamento farmacolóxico e o seguimento clínico, son moi útiles as actividades que lles permitan desenvolver unha vida o máis normal posible, aínda que sexa coas limitacións do confinamento pola pandemia.