Os expertos coinciden na eficacia probada dunha correcta hixiene de mans para evitar infeccións. O sinxelo desta práctica e o seu reducido custo sitúana como a medida máis importante para evitar os contaxios. Por ese motivo, o servizo de Medicina Preventiva insiste na importancia deste feito e fixa unhas pautas que explican en que casos e cando debe procederse ao lavado de mans.
Segundo Medicina Preventiva, nas mans existen dous tipos de flora: a transitoria, que non se multiplica e elimínase cun lavado de auga e xabón; e a residente, que inclúe microorganismos que se multiplican e non os elimina o lavado habitual, polo que é preciso o uso dun xabón antiséptico ou unha solución hidroalcohólica.
Con estas accións pódese reducir unha porcentaxe importante de infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria, ao redor dun 30%. Como norma xeral, os momentos importantes do lavado de mans son o inicio e o final da xornada laboral, antes e despois de ir ao baño, antes e despois de comer, así como na prestación da asistencia e prestación de coidados a pacientes.
En canto aos profesionais sanitarios, é necesaria a hixiene adecuada de mans antes do contacto cos pacientes, antes de realizar unha tarefa aséptica, despois do risco de exposición a fluídos corporais, despois do contacto cos pacientes ou despois do contacto coa contorna dos enfermos.
O lavado con auga e xabón debe usarse sempre que as mans estean visiblemente sucias. A solución hidroalcohólica é útil cando as mans están contaminadas. Estas accións son a maneira máis efectiva para evitar a transmisión de infeccións, tanto no ámbito sanitario como no doméstico.
Actividades
Durante toda a mañá realizáronse actividades de concienciación sobre a necesidade da hixiene de mans. Persoal do servizo de Medicina Preventiva e alumnas de Enfermaría atenderon mesas informativas na zona de Consultas Externas do Álvaro Cunqueiro, na entrada principal do Meixoeiro e no Centro de Saúde de Rosalía de Castro-Beiramar. En todos eses puntos realizáronse demostracións de como levar a cabo unha correcta hixiene de mans mediante solución hidroalcohólica e a posterior comprobación do nivel de limpeza mediante lámpadas de luz ultravioleta.
De maneira simultánea, a media mañá, alumnas e alumnos de Enfermaría fixeron demostracións en todas as unidades de hospitalización, tanto no Álvaro Cunqueiro como no Meixoeiro e no Nicolás Pena. Neste último, os pacientes de rehabilitación de Saúde Mental participaron nos actos con traballos como debuxos alusivos á celebración do Día Mundial.
Na escola da Unidade de Pediatría realizáronse actividades de debuxo e gravouse un vídeo cunha canción composta especialmente por un paciente da propia unidade.
O Hospital de Día de adultos contou cun deseño propio de carteis, co lema “Mans limpas para…”, que tamén se colocou nos centros de Atención Primaria.
Ademais, unha enfermeira do Centro de Saúde de Coruxo impartiu unha charla informativa sobre a importancia do lavado de mans aos estudantes de terceiro curso de Primaria do Colexio Divino Salvador desa parroquia viguesa. Esta actividade realizarase noutros centros educativos a longo da próxima semana.