A Unidade de Mama do Meixoeiro inicia este martes a súa actividade de consultas externas nas novas instalacións, onde os profesionais xa atenderán ás usuarias na nova Unidade, emprazada na planta -1 . Ao longo desta semana vaise trasladar todo equipamento tecnolóxico (ecógrafos, mamógrafo e estereotaxia), de xeito que o próximo luns dia 3 toda a actividade -consultas e probas diagnósticas- será realizada xa na nova unidade.
O obxecto desta obra, que se enmarca nunha actuación global de adaptación funcional de varias unidades e servizos no que se investiron 5 millóns de euros, era o de ampliar, mellorar e integrar nun único dispositivo todos os recursos diagnósticos da mama da área de Vigo, tanto os de cribado poboacional como os de diagnóstico hospitalario.
Con esta actuación duplicouse á superficie actual, pasando de 400 metros cadrados aos 860 da nova localización. Ademais, vaise integrar na mesma zoa o Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama que vense levando a cabo na Casa do Mar de Vigo.
A nova Unidade de Mama conta cun acceso directo dende a entrada do edificio de consultas e distribúese en tres áreas diferenciadas conforme a súa actividade asistencial. Na primeira das zoas, habilitouse unha ampla sala de espera e consultas para tres cirurxiáns e dúas enfermeiras. A seguinte, é a área de exploración de pacientes, na que localízase o equipamento tecnolóxico -tres ecógrafos, un mamógrafo e unha mesa de estereotaxia-.
Ademais, dispón dunha área administrativa, con cinco salas de informes, dous despachos, sala de estar, e unha sala de xuntas.
Programa de Detección Precoz
Nunha segunda fase, a partir do 10 de febreiro procederase ao traslado á nova Unidade do Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama que vense levando a cabo na Casa do Mar de Vigo.
As instalacións do Programa de Detección Precoz teñen unha distribución e dotacións que permiten o seu funcionamento de forma independente do resto da Unidade, pero coa vantaxe de encontrarse integrado dentro da mesma. As súas instalacións dispoñen dunha ampla sala de espera, con aseo público para as usuarias, dúas salas de informes, cabinas, dous mamógrafos e un despacho. Na carta enviada ás pacientes, xa aparece a cita no novo emprazamento da Unidade.
A Unidade de Patoloxía de Mama, emprazada no hospital Meixoeiro, ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, neste hospital centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi.