A Federación de Saúde da CIG denunciou a través dun comunicado a presión e a precariedade laboral que padecen o persoal que realiza o procesamento agrupado de mostras-coñecido como pooling- no cribado da covid-19 no hospital Álvaro Cunqueiro. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou este venres o novo laboratorio de microbioloxía que se que vén de poñer en marcha baixo a xestión da Fundación Biomédica Galicia Sur, entidade privada cuxo persoal carece de convenio que regula as súas condicións de traballo, segundo apuntan desde a CIG.
Dende a central nacionalista sinalan que os profesionais que levan a cabo estas tarefas «están a soportar unha presión insostíble agravada pola gran eventualidade dos seus contratos, moitos deles renovados de 15 en 15 días”. Lembran que esas instalacións son xestionadas pola Fundación Biomédica Galicia Sur, entidade privada por decisión do actual Goberno do PP a pesar de facer o seu traballo de apoio a investigación nun ámbito público.
“O persoal desta Fundación carece de convenio que regule as súas condicións laborais polas continuas trabas que a Consellería de Sanidade leva poñendo dende hai dous anos”. Diante disto, a CIG-Saúde esixe que o persoal do Sergas que desenvolve as técnicas diagnósticas da covid (técnicas/os de laboratorio, médicas/os, persoal administrativo, etc) teña contratos estábeis e unhas condicións de traballo dignas.
Mais tamén reclaman retomar as negociacións do convenio laboral do persoal da Fundación, “e que esta sexa convertida nunha entidade pública”.