Segundo apuntou, por unha banda permitirá substituír os centros sanitarios que quedaron obsoletos e, por outra, incrementar os servizos que actualmente se prestan á poboación.
Esta nova infraestrutura sanitaria levará o nome da primeira doutora licenciada galega, Olimpia Valencia, cuxa figura foi recuperada e reivindicada recentemente a través dun libro publicado pola xornalista local Ana Fuentes.
Así, recordou que na zona de influencia do edificio dos xulgados existen tres centros de saúde, o de López Mora, situado nun edificio da Tesourería da Seguridade Social en estado deficiente; o Nicolás Peña, que está limitando a incorporación de servizos hospitalarios á cidade; e o de Pintor Colmeiro, actualmente saturado e sen capacidade de crecemento.
Segundo indicou Porro, este novo edificio, de máis de 6.000 metros cadrados e seis plantas, ten a capacidade de integrar a totalidade dos actuais centros de saúde de López Mora e Nicolás Peña, e a posibilidade de incorporar algúns elementos do centro de saúde Pintor Colmeiro, ampliando os programas do actual centro de saúde que permanece na zona.
Deste xeito, o futuro Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia unificará a atención sanitaria do barrio de As Travesas de Vigo, ao tempo que se amplía e melloran os servizos sanitarios que se prestan na actualidade, beneficiando a unha poboación de 42.000 persoas.