O Diario Oficial de Galicia publica este martes unha resolución do 19 de outubro de 2020 pola que se procede á apertura dun período de elección de provisor de asistencia sanitaria especializada na área sanitaria de Vigo. Así, o Servizo Galego de Saúde permitirá que os pacientes poidan elixir libremente o seu centro hospitalario de referencia, optando entre o Hospital Povisa ou o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Deste xeito, faise efectivo o dereito á libre elección do paciente.
Poderán solicitar a inclusión no Chuvi ou seren asignados a Povisa a poboación beneficiaria da Seguridade Social asignada aos centros de saúde dos concellos de Cangas do Morrazo, Moaña, Baiona, Nigrán e Gondomar. Dentro de Vigo, poderán completar este trámite os usuarios dos centros de saúde de Coia, Coruxo, Navia, López Mora, Pintor Colmeiro, Nicolás Peña e Rosalía de Castro-Beiramar.
O prazo inicial para elixir o centro hospitalario será o comprendido nos trinta dias naturais a partir do seguinte na súa publicación no DOG.
No que atinxe á documentación necesaria, deberá achegarse o documento de identidade da persoa solicitante –DNI, tarxeta de identidade de estranxeiro ou pasaporte- e o modelo de solicitude incluído na resolución publicada polo Sergas.
Se a petición a presenta un titor legal ou outra persoa autorizada haberá que levar tamén unha fotocopia do documento do solicitante e outro que acredite a devandita titoría legal ou, no seu caso, o orixinal da autorización específica.
Tamén será posible tramitar a opción de cambio a través de internet, nas condicións que se precisan na páxina web do Servizo Galego de Saúde.
Exclusións
Non será posible tramitar a opción de cambios nos seguintes supostos: mentres a persoa estea hospitalizada nun ou noutro hospital ou cando teña iniciado un tratamento de quimioterapia ou radioterapia; ou ben cando as solicitudes recibidas superen o límite máximo de persoas usuarias que Povisa pode ter asignadas segundo o concerto, establecido en 139.000.
A solicitude poderá presentarse no centro de saúde que lle corresponda á persoa interesada ou nos servizos de admisión de calquera dos centros hospitalarios do Chuvi ou Povisa. As peticións rexeitadas comunicaranse sempre por escrito e facendo constar o motivo.
O cambio de hospital será efectivo no momento en que o usuario presente a súa solicitude e sexa adscrito polo Sergas. A petición levará implícita a súa permanencia ata, como mínimo, a apertura do seguinte período anual no que de novo poderá exercer o seu dereito de libre elección.