O sindicado CIG-Saúde da comarca de Vigo denunciou este maretes que as comidas dos pacientes do Hospital Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña chegarán da cociña do H. Lucus Augusti a partires do 19 de xullo.
Segundo explica a central sindical nun comunicado, a Consellería de Sanidade «tivo que recorrer a un hospital público, con persoal público, para solucionar o problema creado pola privatización dun servizo esencial». Engade tamén que a Xerencia da área Sanitaria de Vigo continúa sen aclarar en que situación queda a garantía das persoas ingresadas nos hospitais desta área a recibir a alimentación que precisan, «adecuada ás súas necesidades e en condicións culinarias que permitan a súa inxesta».
«O que está a pasar coa cociña do Hospital Álvaro Cunqueiro non fai mais que reforzar a nosa defensa dunha sanidade 100% pública, tanto no financiamento como na provisión, de tódolos servizos implicados na asistencia sanitaria», sinala.
CIG-Saúde da comarca de Vigo esixe unha «investigación transparente» dos controis de calidade e seguimento da obra construída e que «se depuren as responsabilidades» polo feito de que se teña que paralizar a cociña dun hospital despois de seis anos da súa construción.
Tamén esixe unha «información transparente sobre como e quen vai asumir o sobre custe» do peche da cociña e o incremento da actividade da cociña do Hospital Lucus Augusti, que obrigará ao Sergas a contratar máis persoal. «Non podemos consentir que se pague á empresa concesionaria pola reparación duns defectos na construción que eran a súa responsabilidade, nin por uns servizos que non presta», conclúe.