Audasa vén de retirar, por prevención, todo o persoal das cabinas de cobro na AP9, de tal xeito que as vías automática e dinámica serán a partir de agora as únicas formas de pagamento existentes nas peaxes. En todo caso, a concesionaria da autoestrada mantén a presenza de persoal de apoio para asistir aos condutores no caso de necesitalo.
Segundo comunicou a compañía, tamén se reforzaron os servizos de atención ao cliente, atención a incidencias e desinfección dos dispositivos de pagamento de contacto manual para os clientes, servizos para os que conta con 250 profesionais.
Audasa recomenda a todos os condutores que realicen o abono por medios telemáticos (telepeaxe ou tarxeta bancaria) para evitar o contacto co diñeiro en efectivo e previr os contaxios.
O tráfico na AP9 reduciuse o domingo –últimos datos dispoñibles- á quinta parte, no primeiro domingo de aplicación das medidas do Goberno de España contra o contaxio do coronavirus. A autoestrada rexistrou 3.743 vehículos de intensidade media diaria (IMD) o 15 de marzo, fronte aos 18.374 vehículos de media no que vai de 2020. A redución con respecto á mesma data de 2019 foi dun 73,24%.
A baixada está a ser semellante nas autoestradas Puxeiros-Baiona (AG57) e A Coruña-Carballo (AG55), de titularidade autonómica e tamén xestionadas polo grupo Itínere en Galicia. A AG57 rexistrou este domingo 1.310 vehículos (IMD), cinco veces menos que a súa media anual de 6.556 vehículos e un 73% menos que o mesmo día do ano anterior. A AG55 rexistrou 2.763 vehículos, 4,5 veces menos que a súa media anual (12.571 de IMD) e un 70,42% menos que na mesma data de 2019.