Ademais, nunha aposta pola importancia que nesta campaña ten a vacinación dos sanitarios, distribúense entre o persoal vacinado unhas chapas co lema «Eu vacineime. E ti?» para incentivar aos profesionais comprometidos coa vacinación.
Neste contexto, este luns realizouse una presentación da campaña no Álvaro Cunqueiro, dirixida especificamente aos profesionais sanitarios, co obxecto de concienciarlles da necesidade de que se vacinen. Neste encontro participaron o xerente da EOXI de Vigo, Felix Rubial; o xefe de Servizo de Medicina Preventiva do CHUVI, Victor del Campo; o xefe de Servizo de Alertas Epidemiolóxicas da Xefatura Territorial de Sanidade, Miguel Álvarez Deza e a xestora sanitaria do mesmo servizo, Ángeles SantaBarbara.
No transcurso da presentación, o doutor Victor del Campo expuxo varias razóns polas que o persoal sanitario debe vacinarse como son “a necesidade, xa que somos o colectivo profesional máis exposto a enfermidade; a exemplaridade, xa que o noso exemplo incidirá en mellorar as coberturas de vacinación entre a poboación; e a ética, xa que os sanitarios podemos ser fonte de infección da enfermidade”-.
Asimesmo, Miguel Álvarez Deza recordou que o obxectivo da Consellería de Sanidade en relación coa vacinación dos profesionais sanitarios é acadar unha taxa do 40%, e que o pasado ano, a área de Vigo foi dun 39%. Ademais, nesta área rexistráronse 800 ingresos hospitalarios e 50 falecementos por mor da gripe.
Contaxia a túa enerxía e non a gripe
O inicio da campaña de vacinación da gripe 2018 se desenvolverá a partir do 22 de outubro baixo o lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe. A Consellería de Sanidade adquiriu este ano un total de 608.000 doses, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros, 226.980 euros máis que no ano 2017.
A vacinación ofrécese de xeito continuada durante 10 semanas (ata o 28 de decembro) en arredor de 900 puntos de vacinación de toda Galicia. Haberá vacinas dispoñibles en todos os centros durante todo este tempo, polo que esta pode levarse a cabo dun xeito progresivo evitando aglomeracións nos primeiros días. Calquera persoa vacinada en calquera das semanas da campaña gozará da máxima protección antes da chegada do virus a Galicia.
Poboación diana e obxectivos específicos
A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.
A vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe.
Os obxectivos específicos son acadar unha cobertura na poboación de 60 a 64 anos igual ou superior ao 35%, conseguir unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura superior ao 40% nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e nas mulleres embarazadas.
Para incentivar a participar á poboación de máis de 65 anos, a partir da terceira semana da campaña, se desenvolverá o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería chamarán á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña. Ademáis establécense axendas de citación especial para vacinación e realizarase vacinación aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.