A sección de Saúde do sindicato CIG criticou este mércores “con total indignación” a decisión da xerencia da área sanitaria de Vigo de pechar unha planta de Pediatría do hospital Álvaro Cunqueiro. Esta medida foi anunciada a última hora do martes 14 de xullo para facerse efectiva o mércores 15 “sen comunicación previa á representación sindical”.
A CIG considera que este peche supón unha “falta de respecto” ao persoal do servizo, xa que non se lle informou coa suficiente antelación. “A xerencia ao parecer argumenta baixa ocupación dende hai semanas. Se fose así, isto xa o sabían e calaron con unha clara intencionalidade: non provocar criticas en período electoral”, expón o sindicato.
“Esta xerencia actuou con premeditación e aleivosía calculada, atendendo a intereses mais ben políticos, xa que esperaron a que pasasen as eleccións galegas para anunciar o peche da unidade e así evitarse a crítica. Ademais, esta xerencia anunciara e alardeara publicamente hai semanas que este ano non se ían pechar plantas como en anos anteriores”, prosigue CIG-Saúde.
Para os representantes laborais, estas declaracións demostraron ser “pura imaxe” e compróbase agora que que “obedeceron máis a intereses políticos que sanitarios”. “Dende CIG-Saúde cremos que isto é un claro síntoma do que nos agarda durante estes catro anos de goberno de Feijóo, mais recortes e privatizacións”, rematan.