Dermatólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) alertan dun maior risco, este verán, ao tomar o sol, tras o período de confinamento provocado pola pandemia da Covid-19. O chamamento a unha maior protección da pel na exposición ao sol prodúcese especialmente hoxe, cando se celebra o Día Mundial do Cancro de Pel.
Este verán a pel estará máis sensible á radiación ultravioleta xa que non houbo período de adaptación á luz solar derivado do confinamento. “Por iso, o risco de queimaduras é maior e hai que ser moi estritos coas normas de fotoprotección”, explica a dermatóloga Celia Posada, coordinadora da Campaña de Euromelanoma en Galicia.
Entre as principais recomendacións, a doutora Posada indica evitar a exposición excesiva e en horas centrais do día; usar roupa protectora, con lentes e sombreiros e aplicar fotoprotectores con alto índice de protección fronte a UVA e UVB nas áreas do corpo descubertas. Esta aplicación convén facela 30 minutos antes da exposición e repetila cada 2 horas.
O melanoma é un dos dez tipos de cancro máis frecuentes, pero tamén é un dos menos complicados de previr. A incidencia do cancro de pel está a aumentar de forma alarmante nas últimas décadas. En concreto, os casos globais de melanoma, responsable do 95% das mortes por cancro de pel, aumentaron un 50% na última década, segundo os datos que manexa o servizo de Dermatoloxía do Chuvi, que dirixe o doutor Ander Zulaica, e que coinciden coas cifras que ofrece a Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV).
O aconsellable é que a propia persoa vixíe periodicamente a evolución dos lunares que ten no seu corpo e se prodúcese algunha variación nalgún deles póñase en contacto co seu facultativo.
Os cambios nos lunares que poden alertar da posible patoloxía adoitan ser asimetría (unha metade comeza a ter un aspecto diferente á outra), bordo (irregular, ondulado ou mal definido), cor (diferentes tons de marrón e negro no mesmo lunar aínda que ás veces pode ser branco, vermello ou azul), diámetro (pode variar dun tamaño pequeno ata máis de 6 centímetros) e evolución (vese que vai cambiando de forma ou de cor). Outros cambios poden ser a aparición de dor no lunar, picazón ou sangrado.
A Unidade de Melanoma do Chuvi diagnostica cada ano entre 35 e 50 melanomas. Unha cifra que aumentou lixeiramente. A vía rápida para pacientes con sospeita de melanoma atendeu o ano pasado a unhas 300 persoas. A maior prevaleza prodúcese nos maiores de 50 anos e está derivada dunha excesiva, no necesariamente prolongada, exposición á radiación UV.
Consecuencias da pandemia
A concienciación sobre o coidado da pel e a pronta consulta de lesións cutáneas sospeitosas faise, se cabe, máis importante en época Covid-19. Un estudo realizado en varios hospitais españois recentemente publicado demostra que a diminución da actividade asistencial e a reticencia para solicitar citas médicas por medo ao contaxio do virus derivan nun crecemento dos tumores cutáneos e, por conseguinte, nun peor prognóstico para o paciente.
A supervivencia global en pacientes con melanoma é do 85% aos 5 anos. Un mes de atraso no diagnóstico reduciría a supervivencia a menos do 79% aos 5 anos. En caso de carcinoma epidermoide, a supervivencia é superior ao 80% aos 5 anos. O atraso nun mes a súa detección reduciría a supervivencia ao 75% aos 5 anos.
Por ese motivo, é razoable fomentar canto antes os esforzos para promocionar a autoexploración e potenciar as consultas cos dermatólogos a través da teledermatoloxía, como unha maneira eficiente de filtrar a patoloxía de interese e evitar a demora no diagnóstico e tratamento destes pacientes.
Campaña Euromelanoma
Os datos sobre a incidencia do melanoma e outros cancros de pel contrastan coa facilidade da prevención primaria e secundaria do cancro cutáneo, xa que o factor de risco máis importante para desenvolver estas patoloxías é a exposición solar, sobre todo en forma de queimaduras. E a pel é un órgano visible e perfectamente revisable, podendo realizar diagnósticos precoces.
Desta necesidade xurdiu a Campaña Euromelanoma que, desde hai anos, pretende concienciar sobre a necesidade de adoptar uns hábitos saudables de exposición solar e insistir nos hábitos de autoexploración para diminuír a incidencia e mortalidade derivada do cancro de pel.
Este ano, para minimizar o risco de contaxio por Covid-19, a Campaña Euromelanoma España, inaugurada o pasado 10 de xuño, non realizará, como en anos anteriores, exploracións físicas da pel da poboación.
Por tanto, non haberá citas para que a poboación poida acudir ás consultas dermatolóxicas para revisar os seus lunares. A Fundación Piel Sana da AEDV lembra, a falta destas xornadas de exploración, a existencia e utilidade de dúas aplicacións gratuítas e dispoñibles para dispositivos relacionadas coa pel e o sol: UV Derma, que ofrece en tempo real os valores do índice ultravioleta da localidade onde estamos; e e-Derma, que axuda na autoexploración da pel.
Ademais, poranse ao dispor da poboación uns instrumentos que lle axudarán tanto a aumentar os seus coñecementos e coidados para a prevención do cancro de pel como en detectalo precozmente.