Un total de 50.245 persoas da área sanitaria de Vigo xa teñen solicitada a súa cita para acudir a vacinarse da gripe nos vindeiros días. A campaña de vacinación para a poboación xeral –que dá continuidade á iniciada entre o persoal sanitario a semana pasada– iniciouse este martes e durará ata o 31 de decembro, polo que Sanidade lembra á cidadanía que hai tempo suficiente para facela progresivamente.
Segundo explicou a directora de Atención Primaria de Vigo, Elena Lorenzo, “este ano é vital que a poboación se vacine, xa que, no contexto da pandemia pola Covid, poden coincidir ambas infeccións, de aí o transcendental da vacinación antigripal das persoas en risco e a redución da carga desta enfermidade”.
“A vacina non so evita os casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. Hai que lembrar que o pasado ano na área viguesa rexistráronse23 decesos como consecuencia dun proceso gripal”, explica. En total, 316 pacientes necesitaron ingreso hospitalario, e unha trintena requiriron de hospitalización na Unidade de Coidados Intensivos por mor da gripe.
A campaña conta con 127 puntos de vacinación, entre centros de primaria e hospitalaria do Sergas, centros médicos e consultas privadas, residencias de maiores públicas ou privadas, centros unidades de atención aos drogodependentes, centros de menores e discapacitados, etc.
Estableceranse axendas de citación en sala para esta actividade e realizarase unha vacinación “oportunista” aos pacientes crónicos que acoden ás consultas de enfermaría por outros motivos. Así mesmo, vacinaranse tamén aos enfermos crónicos nas visitas a domicilio.
Chamadas telefónicas
Algunhas das medidas que se van levar a cabo para promover a vacinación serán, a partir da terceira semana de campaña, o desenvolvemento do programa de promoción da vacinación antigripal mediante SMS aos maiores de 65 anos e a chamada activa.
Así, os profesionais de Enfermería de Atención Primaria proporcionarán información da vacina a todos aqueles pacientes entre 65 e 74 anos que aínda non recibiran a súa dose, mediante un consello telefónico para explicarlles as necesidades e as vantaxes da mesma.
Na pasada campaña, a área viguesa administrou un total de 106.190 vacinas en todos os grupos de poboación. Desa cifra, 66.888 corresponden a maiores de 65 anos, nos que se acadou unha cobertura do 56,28% da poboación diana. Isto representa un incremento de 1,65 puntos porcentuais con respecto aos datos de 2018.