Os profesionais do servizo de Dixestivo da Área Sanitaria de Vigo súmanse á conmemoración do Día Internacional do Cancro Colorrectal e lembran a importancia da prevención do mesmo mediante os programas de cribado.
Na Área de Vigo, no ano 2017 púxoseen marcha do Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, iniciativa dirixida a homes e mulleres de 50 a 69 anos co obxectivo de detectar precozmente esta enfermidade. Desde o inicio deste Programa e ata decembro de 2019, enviáronse un total de 157.438 invitacións e participaron 57.200 persoas (un 36,9% das invitadas). Destas, resultaron positivas un 7.4%.
No marco deste Programa a este grupo de positivos realizóuselles unha colonoscopia para diagnosticar algún tipo de lesión. Como resultado das mesmas identificáronse 237 tumores malignos, todos en persoas sen ningún tipo de síntomas. O 71% destes cánceres estaban en estadios precoces nos que o seu prognóstico é significativamente mellor (cunha supervivencia superior ao 75%) . Ademais dos cancros, nun 45,5 dos pacientes se identificaron pólipos adenomatosos (lesións precursoras do cancro colorrectal). A súa extirpación ten impedido a progresión a procesos máis graves.
Segundo asegura o xefe do servizo do Aparello Dixestivo, Ignacio Rodriguez Prada, “A maioría dos cánceres de colon xorden dos chamados pólipos adenomatosos polo que a súa detección e extirpación é clave para que non cheguen a transformarse nun tumor maligno. A conclusión é evidente, a participación neste programa permite diagnosticar lesións precancerosas así como detectar precozmente os tumores, nunha fase na que o nivel de curación é elevado. Por eso é tan importante concienciar á poboación de que deben participar nestes cribados”.
Aínda que por mor da pandemia houbo que aprazar as citas do cribado durante uns meses, en canto se recuperou a actividade o Sergas retomou as citas de precolonoscopias e colonoscopias pendentes e no momento actual o Programa estase desenvolvendo ao 100%.
Funcionamento do programa
A proba de cribado consiste na detección de sangue oculto nas feces. A poboación diana, homes e mulleres de 50 a 69 anos, recibe no seu domicilio un folleto onde se lle explica o programa, unha carta cunha invitación a participar e unha tarxeta de aceptación con franqueo pagado. Para aceptar a participación, o usuario pode devolver a tarxeta depositándoa en calquera caixa de correos ou aceptar de forma telemática, seguindo as instrucións que se lle aportan na propia carta. Seguidamente se lle envía ao seu domicilio o material necesario para a toma da mostra e as instrucións para recollela.
Unha vez recollida, o participante deposítaa no seu centro de saúde dende onde se remitirá ao laboratorio do hospital de referencia para a súa análise. As persoas con resultado negativo recibirán unha carta con este resultado de normalidade e se lles volverá a invitar no prazo de dous anos. As persoas con resultado positivo no test son citadas na consulta do seu médico de atención primaria para explicarlles o significado e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar a presenza de lesións.
A colonoscopia de cribado ten un carácter diagnóstico e terapéutico, xa que permite visualizar e extirpar todas as lesións detectadas. Unha vez realizada e extirpadas -no seu caso- as lesións suxestivas de malignidade, estas son analizadas no laboratorio de Anatomía Patolóxica e o programa de cribado realiza unha avaliación de risco de todos os pacientes, clasifícaos de acordo a este risco e establece o seguimento adecuado para cada paciente.
Tumor máis frecuente na poboación
O cancro colorrectal é o tumor maligno máis frecuente na poboación. Nas mulleres é o segundo en incidencia por detrás do de mama; e nos homes é o terceiro tras o cancro de pulmón e o de próstata. En relación á mortalidade, é a segunda causa de morte por cancro tanto en homes como en mulleres e constitúe a quinta causa de mortalidade en Galicia.
Este tipo de cancro non produce síntomas ata que xa está moi avanzado, polo que a maior parte diagnostícanse en estadios avanzados, o que afecta á supervivencia dos pacientes; se o cancro é detectado en fases iniciais, aos cinco anos do diagnóstico, a supervivencia é do 75-90% . A detección precoz pode diminuír a mortalidade por esta enfermidade nun 35%.