O grupo municipal da Marea de Vigo urxiu este martes á Xunta de Galicia a que rescate a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro despois de que a empresa Acciona vendese a súa participación a un fondo de investimento francés. Segundo a formación, este “escándalo” supón só “un primeiro paso”.
O partido lembrou este martes que no ano 2016 foi rexistrada e discutida no Parlamento de Galicia unha Proposición non de Lei presentada por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) que deixaba “claro” o procedemento e os condicionantes previos que levaron a que “parte substancial” do hospital estea en mans de fondos de “capital especulativo”. No seu día, AGE establecera o custe do rescate en 69 millóns de euros, menos da suma do que se pagou por canon no exercicio 2020 (39 millóns) e o que se pagará en 2021 (42 millóns de euros).
“Todo isto sucede porque o PP decidiu en 2010, e ante a próxima aprobación do RD-L 8/2010 polo Goberno de Zapatero, acelerar o estudo de viabilidade co claro obxectivo de garantir a entrada de capital privado na contratación da concesión de obra pública do hospital”, explica Oriana Méndez, concelleira da Marea de Vigo. “Este proceso foi impostado pola consultora PWC, que auspiciaba unha suposta simplificación de trámites administrativos para xustificar tal privatización”, engade.
Para Marea de Vigo, “o gran erro que agora pagamos os vigueses e viguesas é que en decembro de 2010 a dirección de Recursos Económicos do Sergas acordou “precipitadamente” a adxudicación provisoria do contrato de concesión de obra pública a unha UTE formada por varias sociedades, para a realización do proxecto técnico, financiamento, construción e explotación de determinados servizos non clínicos do Álvaro Cunqueiro”, matiza Méndez.
Así, a formación considera “lóxico” que recoñecendo as empresas da UTE un pasivo non corrente asociado a débedas a longo prazo (construción do hospital) de 38 millóns e dun capital escriturado de 31 millóns (69 millóns en total) o Sergas deba acometer con urxencia a adquisición da totalidade do capital social da UTE no importe de 31.523.000 euros por medio de calquera dos seus organismos ou empresas públicas (Igape, Sodiga, SPI, Galaria, etc.) e analogamente adquirir por medio deses organismos ou empresas públicas a totalidade das achegas complementarias por vía de crédito que realizaron os socios á UTE por importe de 38.004.303,87 euros.
“Esta acción evitaría o pago anual dun canon brutal e especialmente o control dun hospital do Sergas por parte de sociedades inversoras privadas, máis atentas a rendibilidade dos investimentos que as garantías e calidade do servizo sanitario”, apunta a concelleira.
Marea de Vigo levará de novo ao pleno municipal unha iniciativa neste sentido como a expresada na anterior lexislatura, para o rescate da concesión privada e a xestión pública directa de todo o complexo hospitalario. “É preciso extirpar a participación privada na xestión e control do hospital Álvaro Cunqueiro, estamos seguras de que este cambio accionarial seguramente non sexa o derradeiro, e veremos por tanto novos capítulos especulativos”, conclúe Oriana Méndez.