A Unidade Multidisciplinar de Atención á Hipertensión Pulmonar do Hospital Álvaro Cunqueiro é a única de Galicia que desenvolve un programa de Anxioplastias para o tratamento de hipertensión pulmonar tromboembólica crónica.
A hipertensión pulmonar, incremento de presión nas arteiras pulmonares, é unha patoloxía pouco frecuente, unha das chamadas enfermidades raras, polo que a súa atención require dun traballo multisdiciplinar. Neste senso, a devandita unidade está coordinada por especialistas en pneumoloxía e cardioloxía, e tamén conta coa colaboración dos servizos de medicina interna, reumatoloxía, hemodinámica, farmacia, radioloxía e médicos de atención primaria xunto co persoal de enfermaría.
Nesta consulta atenden a 150 pacientes anuais, das áreas sanitarias de Vigo e Ourense. O síntoma máis común que presentan os pacientes e a dispnea (falta de aire).
A hipertensión pulmonar está producida por múltiples causas, aínda que as máis frecuentes son as patoloxías cardíacas e pulmonares. Aínda que existe un tipo de hipertensión pulmonar que é curable, na maioría dos casos é unha enfermidade crónica. Con todo, a día de hoxe existen moitos tratamentos farmacolóxicos que melloran a calidade de vida e a supervivencia destes pacientes.
Anxioplastia, técnica hemodinámica
A Unidade de Hemodinámica do servizo de Cardioloxía do Álvaro Cunqueiro é a única en Galicia, e unha das poucas de España, que está empregando unha técnica, Anxioplastia con balón das arterias pulmonares, nos pacientes con HTP tromboembólica crónica, para o tratamento desta enfermidade.
Trátase na introdución, a través dun catéter, dun balón para romper e eliminar os trombos das arterias. Este procedemento solo está indicado naqueles pacientes cun tipo determinado de hipertensión pulmonar, a tromboembólica crónica.
Desde que se puxera en marcha este programa, hai un ano, levan realizado 26 procedementos deste tipo a 6 pacientes, cuns resultados moi satisfactorios.
Xornada no Álvaro Cunqueiro
Precisamente, os servizos de Pneumoloxía e Cardioloxía acaban de organizar unha xornada científica no Álvaro Cunqueiro para realizar unha posta en común da abordaxe integral e atención a esta enfermidade que se realiza na Área Sanitaria de Vigo, desde o punto de vista epidemiolóxico, de tratamento e da xestión da atención ao paciente.
Nesta xornada, a pneumóloga María Castro e o cardiólogo David Dobarro presentaron un balance de actividade da Unidade e das posibilidades de desenvolvemento da mesma.