O Servizo de Farmacia Hospitalaria do Complexo Hospitalario de Vigo (Chuvi) vén de implantar unha serie de medidas organizativas co obxecto de axilizar a entrega de medicación aos pacientes, minimizando as súas estancias nas dependencias hospitalarias. Trátase dunha iniciativa máis que adopta a área sanitaria de Vigo no marco do plan de continxencia ante a pandemia Covid-19.
Así, este servizo ten habilitados dous puntos de recollida de medicación e nutrición -un no hospital Álvaro Cunqueiro e outro no Hospital Meixoeiro- para os pacientes que habitualmente se achegan ás consultas de farmacia destes centros. Os puntos de recollida contan cun aparcadoiro habilitado de xeito excepcional.
Para isto, os especialistas de Farmacia, tras ter contactados telefonicamente con todos os pacientes e realizarlles a entrevista farmacoterapéutica -para comprobar que non teñen problema coa súa medicación- propóñenlles cita nalgúns deses puntos de recollida. Así, sen necesidade de entrar nos hospitais e sen ter que esperar, poden retirar a súa medicación. Isto é, desde o mesmo coche recollen os seus tratamentos farmacolóxicos e nutrición, que xa estás preparados e listos para súa entrega.
Trátase de axilizar a entrega de medicación, evitando que os pacientes entren nos centros agás estrita necesidade e mantendo a atención farmacéutica especializada e personalizada que se lles brinda habitualmente.
Ademais, naqueles pacientes que non poidan acudir ao punto de recollida -pacientes oncohematolóxicos, inmunodeprimidos ou os que presentan dificultades para desprazarse- se lle envía a medicación aos seus domicilios.
Os puntos de recollida atenden a 130 pacientes diarios
O servizo de Farmacia Hospitalaria atendeu durante o pasado ano 2019 a un total de 15.100 pacientes, aos que se lles dispensa a súa medicación nos hospitais unha ou dúas veces ao mes.
Ata o 30 de abril estaban citados 1.835 pacientes, aos que os farmacéuticos están chamando para ofrecerlles estas opcións de recollida de medicamentos. Así, diariamente nestes puntos vanse atender a 130 pacientes, mentres unha decena deles reciben a diario a medicación nos seus domicilios.
Farmacia en Primaria
En canto á demanda relacionada cos medicamentos en Atención Primaria, os farmacéuticos dos centos de saúde están colaborando cos médicos de familia nesa xestión.
Cando por razóns de urxente necesidade dun tratamento e, sempre que non sexa posible que o paciente obteña cita áxil co seu médico, este poderá pedir cita telefónica para o farmacéutico de Atención Primaria (ben por internet ou a través do teléfono do seu centro de saúde) co que se facilitará a continuidade do tratamento farmacolóxico que requira.
A poboación da área sanitaria de Vigo é atendida por 23 farmacéuticos e farmacéuticas hospitalarios e por outros 13 nos centros de saúde de Atención Primaria.