O servizo de Neurocirurxía do Hospital Álvaro Cunqueiro integrarase na Rede Nacional de Metástase Cerebral (Renacer) xunto a outros 11 hospitais españois. Segundo anunciou este mércores a Consellería de Sanidade, o acordo para a integración produciuse a finais de xaneiro e comezará a materializarse nos próximos meses. O hospital vigués é o único de Galicia que forma parte desta rede.
A participación do servizo de Neurocirurxía do Chuvi materializarase co envío de mostras cerebrais obtidas de pacientes intervidos cirurxicamente no hospital vigués. As mostras terán como destino o Grupo de Metástasis Cerebral do Biobanco do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO).
“Inicialmente, no CNIO traballaban coas súas propias mostras, pero comprobaron que necesitaban un maior número delas para continuar coa investigación, polo que impulsaron a creación dun grupo de hospitais españois que estivesen en condicións de achegar máis mostras”, explica o neurocirurxián Adolfo de la Lama, que será o coordinador do proxecto en Vigo.
O servizo de Neurocirurxía, que dirixe Cesáreo Conde, podería achegar entre 8 e 10 mostras de metástase cerebral ao ano. No procesamento das mesmas participará tamén o servizo de Anatomía Patolóxica do CHUVI e concretamente a neuropatóloga, Concepción Fiaño.
O obxectivo de Renacer é levar a cabo estudos básicos e clínicos que axuden a avanzar no desenvolvemento de terapias contra esta metástase do cancro que, a día de hoxe, ten limitadas opcións terapéuticas.
Previo consentimento dos pacientes, os cirurxiáns extraerán mostras de tecido durante as operacións cirúrxicas que, tras recibir o visto e prace como excedente clínico por parte dos patólogos, serán enviadas ao Biobanco CNIO, onde se procesarán e almacenarán para ser postas a disposición da Rede e de toda a comunidade investigadora.
Segundo explican os seus impulsores, Renacer guiarase polos máis altos estándares bioéticos e de calidade para asegurar o bo uso das mostras. Ademais, garantirase que os pacientes teñan voz nesta Rede, nunha práctica nova de goberno participativo que empeza a implantarse en centros europeos. Este é o seguinte paso na modernización dos biobancos, afirman os impulsores do proxecto, que consideran que a opinión do paciente debe estar representada.