O Servizo Galego de Saúde estreou este mércores unha nova unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil no hospital Álvaro Cunqueiro. Este dispositivo se enmarca no Plan de Saúde Mental de Galicia, que contempla un incremento de recursos sanitarios para a área de Vigo, en especial os dedicados aos nenos e adolescentes.
Esta nova dotación, a segunda da área viguesa, conta cun equipo de cinco profesionais: dous psiquiatras, unha psicóloga, unha enfermeira especializada en saúde mental e un traballador social. En total, as dúas unidades do Álvaro Cunqueiro conforman un gran dispositivo de atención especializada, con cinco psiquiatras, tres psicólogos, unha enfermeira e un traballador social dedicados a atención ambulatoria da saúde mental dos nenos e adolescentes.
O xerente do Sergas, José Flores, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, visitaron esta nova dotación acompañados polo xerente da área, Javier Puente. Flores asegurou que “coa posta en marcha desta nova unidade dáse un paso máis no desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia, que xa ten acado un alto nivel de execución, dado que é unha das prioridades na que o Sergas centra os seus esforzos. Continuaremos traballando para cumprir os compromisos dese plan co obxecto de mellorar a atención que reciben os pacientes e as súas familias”.
Neste senso, o xerente do Sergas lembrou que nos próximos días tamén vaise abrir un Hospital de Día no Nicolás Peña; ademais da nova Unidade de Hospitalización de menores xa anunciada no Álvaro Cunqueiro. En canto á atención a adultos subliñou o novo servizo ambulatorio de Tui posto en marcha este martes, e anunciou a apertura doutro en Ponteareas.
7.000 menores atendidos
Os profesionais de saúde mental infanto- xuvenil atenderon 7.000 consultas de menores de 16 anos o ano pasado. Os máis frecuentes son casos de Trastorno por Déficit de Atención, Trastorno de Espectro Autista, trastornos de conduta, afectivos e da conduta alimentaria.
Coa pandemia rexistrouse un aumento nesta demanda, tanto ambulatoria como a través do Servizo de Urxencias, razón pola que -dentro do Plan Estratéxico de Saúde Mental post Covid19- o Sergas quere reforzar o servizo de Psiquiatría.