As urxencias pediátricas do hospital Álvaro Cunqueiro diminuíron de xeito moi significativo nas últimas semanas. Así, mentres que en marzo do pasado ano se contabilizaron 3.626 atencións a menores de 15 anos, no mesmo mes deste ano rexistráronse 1.825, un 49% menos. Máis acusados aínda son os datos referidos a este mes de abril. A comparativa dos primeiros 19 días reflicte que en 2019 se atenderon 2.128 urxencias, mentres que este ano soamente 488, un 77% de pacientes menos. Isto é, a media diaria de urxencias atendidas no que vai de mes é de 26 pacientes fronte aos 112 do mesmo período do ano anterior.
Segundo os especialistas, as causas que explican esta diminución serían, en primeiro lugar, a paralización das actividades escolares presenciais, xa que ao estar as garderías e centros educativos pechados, redúcense os contaxios das infeccións respiratorias entre os nenos e nenas. Outra das causas está relacionada co confinamento, que suspende as actividades no exterior, polo que diminúen tamén os accidentes propios dos xogos nos parques infantís ou nas rúas.
Con todo, segundo explica a pediatra do servizo de Urxencias, Reyes Novoa, “tamén estamos detectando que algúns pais e nais presentan certo rexeitamento a achegarse por medo a saír de casa e a exporse ao virus e contaxiarse”. Isto provoca que “ás veces, cando deciden vir, xa chegan con cadros evolucionados e incluso graves”. “Temos atendido apendicites moi evolucionadas e fracturas de brazos e pernas con tempo de evolución… Hai tanto medo que incluso hai familias que dubidan se teñen que achegarse ás Urxencias en caso de atragantamento tralo que se produce dificultade respiratoria, cando en situación normais ninguén dubidaría en saír correndo ao hospital”, indican.
A doutora Novoa recomenda a poboación que utilice os servizos e recursos asistencias que sexan necesarios, xa que tanto os pediatras de Atención Primaria como de Urxencias están a súa disposición. Neste senso reitera unha mensaxe de confianza “aínda que o risco cero non existe, xa que empeza no mesmo momento en que saes da casa, as Urxencias pediátricas do hospital son seguras; dispóñemos duns circuítos específicos e diferenciados para a asistencia pediátrica que nos permiten garantir a calidade e seguridade da atención”.
Servizo diferenciado
No marco do Plan de Continxencia que a área sanitaria de Vigo deseñou para a atención aos pacientes con patoloxía relacionada co COVID-19, o servizo de Urxencias Pediátricas tamén experimentou unha reordenación espacial e asistencial.
Así, quedou delimitada aínda máis a área de atención infantil, habilitándose un posto de Admisión de Urxencias pediátricas –propias e independente da de adultos-; un Posto de Triaxe e unha sala de espera para nenos. A porta de acceso exterior é diferente á que víñase utilizando habitualmente. O obxectivo é evitar calquera tipo de contacto entre os pacientes pediátricos e os adultos.
No referido a reorganización asistencial, establecéronse dous circuítos de atención, un para a atención dos menores con patoloxías respiratorias, e outro para a o resto de patoloxías.
Máis de 42.700 casos ao ano
O pasado ano, os profesionais deste servizo atenderon 42.727 pacientes menores de 15 anos. Esta cifra reflicte unha actividade media diaria de 119 atencións, aínda que as estatísticas demostran que non todos os días da semana teñen o mesmo número de casos, sendo os domingos os días de maior afluencia de pacientes.