As novas instalacións ocuparán un recinto de 144 metros cadrados, incluíndo unha sala para o persoal, aseos e unha sala de neveiras. O Banco de Sangue estará situado entre os laboratorios de Microbioloxía e de Resposta Hospitalaria, no segundo andar do bloque técnico do Álvaro Cunqueiro.
O orzamento de adxudicación da obra ascende a 161.084 euros, que está financiado ao 80% con fondos Feder da Unión Europea. O prazo de execución das obras garante que as novas instalacións do Banco de Sangue estean listas para o seu uso a finais deste ano, de acordo co contrato subscrito entre o Sergas e a empresa Copcisa S.A., adxudicataria dos traballos.
Dotacións
O novo espazo permitirá ampliar considerablemente as dimensións do actual. De feito o proxecto inclúe a ampliación do recinto actual, ademais dunha sala de aférese nova e un laboratorio de coagulación especial propio.
A xefa do Servizo de Hematoloxía, a doutora Carmen Albo, que estivo presente no acto de sinatura do contrato, afirmou que “coas novas instalacións melloraranse as condicións do local actual e o manexo de todo o necesario para o Banco de Sangue coas súas novas dotacións”.
Actividade
O aprovisionamento de sangue para está coordinado coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) do Sergas. Durante 2017 consumíronse 13.503 bolsas de sangue para transfusións. Para a súa preparación foron necesarias probas analíticas cruzadas de 24.385 mostras.
Ademais, no mesmo período utilizáronse 4.340 unidades de plaquetas, obtidas do sangue dun ou varios doadores, e 1.857 unidades de plasma.