O Bloque Nacionalista Galego alertou este xoves en Vigo de “graves deficiencias” no servizo de limpeza do Hospital Álvaro Cunqueiro, que foron denunciadas polo propio persoal. A deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento de Galicia, Montse Prado, e o portavoz municipal nacionalista no Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro con representantes sindicais dos servizos de limpeza, mantemento e cociña do centro sanitario, no que constaron a “falla de medios humanos e de medidas organizativas para reforzalos nun contexto de pandemia”.
A representación sindical trasladou en detalle as “eivas” que se están a detectar en diferentes servizos e, nomeadamente, na limpeza do hospital. Neste sentido, deron conta de que a “falla de persoal” de reforzo no Álvaro Cunquero, que “si se está a despregar nos hospitais públicos” de Galicia, tradúcese nunha “insuficiente limpeza”.
Entre as situacións concretas coas que exemplificaron este problema sinalaron que os vestiarios do persoal sanitario “non se están limpando en fin de semana, que os baños públicos só se limpan unha vez ao día e que non se adoptaron medidas organizativas para evitar a limpeza cruzada de espazos atinxidos por Covid-19 dos que non o están”. Engádese tamén o “incumprimento” das normativas preventivas na xestión de residuos biolóxicos, como o feito de que a empresa pretenda “que se trasladen en bolsas plásticas e caixas de cartón en lugar de contedores herméticos”.
A deputada, Montse Prado, anunciou que o BNG denunciará esta situación no Parlamento de Galicia esixindo explicacións á Xunta e que se despreguen, de inmediato, as medidas necesarias para reforzar a limpeza, advertindo de que “sen un axeitado traballo de limpeza a atención sanitaria vese desbaratada”.
“Non é de recibo que o Sergas non actúe para asegurar a calidade na prestación dos servizos nun hospital, e esa inacción ten consecuencias, como que oito meses despois do inicio dunha pandemia se teña que seguir reclamando o reforzo na limpeza”, afirmou, urxindo a Xunta a actuar.
Prado inscribiu esta problemática no “modelo privatizador” imposto polo Partido Popular e expresou a enorme preocupación por como se está a xestionar a pandemia por parte do Sergas. A este respecto, a deputada criticou que o modelo de concesión siga a condicionar a atención sanitaria na área de Vigo, como se recolle no proxecto de orzamentos da Xunta nos que a privatización do Álvaro Cunqueiro custará 108 millóns de euros o vindeiro ano, e que só beneficia ás empresas ás que o PP lle entrega unha parte importante da sanidade.
Modelo de concesión
Pola súa parte, o concelleiro, Xabier P. Igrexas, incidiu en que este modelo “só enche os petos da UTE concesionaria, que percibe máis de 100 millóns de euros de diñeiro público e pon en risco a saúde das viguesas e vigueses”.
O edil nacionalista afirmou que “un dos elementos que demostran que o Álvaro Cunqueiro non é un hospital público é que as decisións sobre servizos esenciais como a limpeza, o mantemento ou a cociña non as toma o Sergas senón a xerencia privada”. Ademais, Igrexas cualificou de “perverso” o modelo, xa que provoca que as empresas privadas que interveñen estean instaladas nunha “guerra para reducir custes” provocando a “precariedade” na prestación dos servizos.
Igrexas expresou a súa indignación diante da situación denunciada polo persoal de limpeza afirmando que “é inaceptábel que os baños dun hospital se limpen menos veces que os dun centro comercial, e que isto pase no medio dunha pandemia é unha temeridade moi perigosa”.