O Bloque Nacionalista Galego defenderá no pleno municipal de Vigo o “punto final” das políticas de “recortes” e “privatizacións” na sanidade pública. O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou a moción á sesión plenaria do vindeiro xoves cunha batería de 13 medidas concretas para esixir melloras urxentes na área sanitaria, dotándoa de máis medios económicos, materiais e humanos e revertendo o “negocio” do Hospital Álvaro Cunqueiro e do concerto con Povisa.
“O Goberno de Rueda persiste nos recortes e nunha maior privatización sanitaria a pesar do clamor case unánime da sociedade viguesa que, nos últimos anos, reclamou con mobilizacións masivas unha rectificación completa”, lamentou Igrexas, quen afeou que un ano máis o PP rexeitara as emendas nacionalistas aos orzamentos da Xunta para 2024 nas que se recollía un incremento substancial dos recursos para a sanidade pública.
O portavoz do BNG denunciou as “importantes insuficiencias e deficiencias” que padece a rede sanitaria pública en Vigo a causa destas políticas do PP, cunha crecente desatención, peor calidade asistencial e condicións laborais precarias entre as e os profesionais sanitarios. “536 pacientes nun só día nas Urxencias do HAC, esperas de até 3 horas no PAC de Pizarro, case 2 semanas para ter cita coa médica de familia ou pediatra, máis de 8.500 persoas nas listas de espera para unha cirurxía e apenas 6 ambulancias de soporte vital básico (3 de noite) e 2 de soporte avanzado en toda a cidade”, detallou.
Igrexas asegurou que “estas son as cifras que retratan a realidade” da sanidade pública na área de Vigo, que situou como a “zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”. Entre as decisións tomadas nos últimos 14 anos, criticou a imposición do modelo privatizado no HAC, o recorte de prestacións do Hospital do Meixoeiro, a redución á metade do centro de saúde de Bouzas, a atención desigual para a poboación adscrita ao concerto con Povisa así como unha “grave e estrutural falla de medios humanos” na Atención Primaria.
“Esta moción volve reclamar un punto e final ás nefastas políticas coas que o PP estivo xogando coa saúde e a vida das viguesas e vigueses”, remachou o voceiro da fronte nacionalista, avanzando que diante desta “situación límite” o Bloque seguirá esixindo “con firmeza” o dereito a unha sanidade pública, universal e de calidade.
Plan de choque na Atención Primaria
Entre os acordos recollidos na moción do BNG está a posta en marcha “inmediata” dun plan de choque para reforzar a Atención Primaria da área de Vigo e tamén do conxunto de Galiza dotado con mínimo 200 millóns de euros. Nesa liña, as nacionalistas piden reforzos de persoal en todas as categorías e a fin da precariedade laboral no Sergas, incorporando ademais profesionais de especialidades como a psicoloxía clínica, a logopedia, a terapia ocupacional e alargar as carteiras de servizos para que enfermería, matronas ou fisioterapeutas, poidan desenvolver máis funcións con autonomía.
Reverter as privatizacións
Dende a fronte nacionalista chaman tamén manter un incremento anual do orzamento sanitario galego até acadar o 25% do presuposto total da Xunta. Uns recursos que, advertiron, deben servir para fortalecer a rede pública. Nese sentido, a moción do Bloque demanda iniciar o rescate da concesión do HAC para que sexa 100% público, realizar unha auditoría do concerto singular co Hospital Povisa para avanzar na súa absorción no Sergas e da externalización do transporte sanitario terrestre.
Máis medios para o PAC e ambulancias
Outra das áreas a reforzar, a xuízo da fronte nacionalista, pasa por dotar de máis recursos o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro, así como crear dous novos en Teis e na contorna de Coia-Navia que inclúan persoal de pediatría. No mesmo sentido, urxen máis medios no servizo de ambulancias do 061 na área de Vigo que non consistan en reforzos puntuais con empresas que non garanten o persoal necesario, como na actualidade.
Novos centros de saúde
Diante da saturación que presenta a Atención Primaria en Vigo, o BNG pide promover a construción de novos centros de saúde, ademais de esixir a dotación prevista inicialmente no centro de saúde de Bouzas (con 6 consultas de medicina de familia, pediatra e traballadora social) e que foi recortada na súa inauguración.
Transparencia sobre as listas de espera
A fronte nacionalista reiterou a necesidade de “transparentar” a situación real das listas de espera sanitarias. Para iso, piden a elaboración dun informe que detalle o orzamento investido, o persoal contratado, ademais das cirurxías, probas diagnósticas e consultas realizadas durante o pasado ano 2023 tomando como base o ‘Programa de intensificación’ anunciado pola Xunta para alixeirar as listas de agarda.