Serán máis de 80 os participantes nas sesións científicas a SGAIC. A maioría dos intervenientes son especialistas pero tamén haberá unha nutrida representación de facultativos e persoal de enfermaría de Atención Primaria, o que é moi valorado pola organización.
“Van tratarse temas de especial interese para a especialidade e que ademais están de plena actualidade social, con relatores que teñen un recoñecido prestixio internacional en cada unha das materias”, explica a xefa do Servizo de Alergoloxía do Chuvi, a doutora Carmen Marcos.
Ademais das alerxias graves causadas polas picaduras de avespas e abellas, nas sesións abordaranse novidades en alerxias a alimentos, os novos tratamentos que aparecen no mercado para os pacientes que sofren asma grave e sobre inmunoterapia con alérxenos para tratamento da asma alérxica.
Velutinas
O problema social xerado nos últimos anos, con especial incidencia este verán, polas picaduras de himenópteros, tanto avespas como abellas, e as súas consecuencias nas persoas que son alérxicas, centrará unha das mesas redondas da Reunión Anual desta fin de semana.
Nos dous últimos anos produciuse na área sanitaria de Vigo un incremento de pacientes con anafilaxia (reacción alérxica grave) por picadura de ‘Vespa Velutina’, que xerou alarma social. A doutora Marcos asegura que “esta especie non é máis agresiva para o home nin tampouco máis alerxénica, que as especies de avespas autóctonas; o problema que está a xerar esta nova situación é que a poboación global de avespas está a aumentar e rexístranse máis picaduras”.
A anafilaxia por picaduras de avespa ou abella é un dos motivos de consulta tradicional nos servizos de Alergoloxía do país e sábese que en torno ao 3% da poboación xeral padece este tipo de problemas. O Servizo de Alergoloxía do Chuvi oferta para estes pacientes, unha vez confirmado o diagnóstico, a posibilidade de poder curar o seu problema mediante tratamento con inmunoterapia, o que tamén se chama vacinas da alerxia, de tal forma que se consegue que non volvan presentar reaccións alérxicas anafilácticas ante novas picaduras.
Nestes momentos hai 303 pacientes en programa de inmunoterapia con velenos: 204 pacientes con veleno de avespa Véspula, 29 pacientes con veleno de avespa Polistes e 67 pacientes con veleno de abella. Estes tratamentos son de administración hospitalaria en Unidades de Inmunoterapia dos servizos de Alergoloxía e o seu obxectivo principal é previr potenciais mortes e reaccións graves tras picaduras.
“Este verán púxose en marcha unha vía rápida no Sergas para a atención aos pacientes que sufriran anafilaxia por picadura de himenópteros e desde o seu inicio, a finais de xullo, atendemos a 58 persoas no noso servizo”, indica a doutora Carmen Marcos, que subliña: “No que vai de ano vimos un total de 113 pacientes en relación a reaccións a picaduras de himenópteros (unhas 10 veces máis que anos previos). A maioría deles era por reaccións antigas ocorridas hai tempo e que nunca foron estudadas. É un expoñente claro da alarma social deste ano”.
Alerxia alimentaria
Outra das mesas redondas da reunión científica abordará distintas novidades en alerxia a alimentos, problemática que está en claro aumento e que tamén é causa de reaccións alérxicas graves. “Por ese motivo tratarase especificamente a gravidade destas anafilaxias”, explica a xefa do servizo de Alergoloxía do Chuvi.
Neste apartado, falarase do estado actual do tratamento mediante inmunoterapia oral centrado na idade pediátrica, como terapia capaz de inducir tolerancia inmunolóxica ao alimento ao que o paciente se ha feito alérxico. Diso falará unha dobre especialista en Alergoloxía e en Pediatría.
Asma
Outra das mesas de debate estará centrada nos tratamentos da asma. Máis concretamente, abordaranse todos os tratamentos inmunomoduladores para a asma que conseguen inducir un cambio na evolución do mesmo e con iso mellorar clinicamente dunha forma significativa ao paciente que o padece.
Tratarase a inmunoterapia, como primeiro inmunomodulador no tratamento de asma, e tamén os novos tratamentos biolóxicos (os anticorpos monoclonales) que están a aparecer no mercado nos últimos anos.