O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) acadou no pasado ano 2019 unha cifra récord de 29 doadores de órganos, un 32% máis que o pasado ano, e que representa o dato máis elevado desde que se iniciou esta actividade na área de Vigo. Así mesmo, segundo destaca o Sergas, resulta especialmente salientable o feito de que a taxa de negativas familiares á doazón situouse no mínimo histórico do 12%, mellorando o dato de Galicia, un 13,4%, e o de España, dun 14%.
Dos 29 doadores extraéronse 99 órganos (7 corazóns, 24 fígados, 15 pulmóns e 53 riles) e 62 tecidos (córneas, osos, tendóns, segmentos vasculares).
Segundo afirma o coordinador de transplantes do Chuvi, Lucas Lage, “o pasado ano foi excepcional, conseguimos o récord histórico de doadores, debido fundamentalmente ao descenso tan significativo das negativas familiares e a maior concienciación que existe tanto entre os profesionais sanitarios como na mesma sociedade, e que pon de manifesto o carácter solidario da cidadanía da área de Vigo”.
Entre os doadores, o 65% eran mulleres e 35% homes. No que atinxe ás causas de morte, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (73%), sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 3,5%. Con respecto á idade media do doador, foi de 57 anos.
O 27% das tarxetas de doadores de Galicia son de Vigo
Así mesmo, salientar que, actualmente, na área de Vigo conta cun total de 31.799 persoas con tarxeta de doador (o 27% das tarxetas totais de Galicia). No referido a actividade transplantadora, no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foron implantadas 74 córneas (19% máis que no pasado ano) e 3 membranas amnióticas.
Ademais, realizáronse 50 transplantes de proxenitores hematopoiéticos (médula ósea) dos que 37 foron autólogos (do propio paciente) e 13 aloxénicos (de doadores). Dos aloxénicos, 7 foron de doantes non emparentados.
Programas educativos
O Sergas considera que estes resultados son o froito do traballo dos equipos de profesionais en coordinación coa Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e as Asociacións dedicadas a este tema, entre as que cabe subliñar a impresionante labor de Adrovi e Alcer.
Entre todos, desenvolvéronse diferentes campañas para fomentar a doazón e programas educativos dirixidos aso escolares. Nesta liña, a Oficina de Coordinación de Transplantes do Chuvi ten participado en 13 charlas no pasado curso académico nas que tomaron parte un total de 760 escolares.