Un total de 108 profesionais –106 sanitarios e dous non sanitarios– comezarán a traballar na área sanitaria de Vigo “nas próximas semanas” en “vínculos de longa duración” como interinos segundo anunciou este martes o Complexo Hospitalario e Universitario de Vigo (Chuvi). Deste xeito, vanse cubrir esas prazas do cadro de persoal mediante nomeamento de interinidade en praza vacante ou nomeamento de interinidade por substitución de titular con dereito a reserva de praza. Os chamamentos comezarán a próxima semana.
As prazas ofertadas de persoal sanitario son: 62 de Enfermaría; 36 de TCAE (Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría); unha de Enfermaría Especialista en Saúde Mental; unha de Técnico en Farmacia; dúas de técnico superior en imaxe para o Diagnóstico Clínico (unha con licencia de medicina nuclear) e catro prazas de técnico superior en Laboratorio.
Tamén se ofertarán dúas prazas de persoal non sanitario no Complexo Hospitalario de Vigo: unha praza vacante na categoría de Celador e outra vacante na categoría de Grupo Auxiliar da Función Administrativa.
O persoal das listas de acceso libre e de promoción interna poderán consultar na intranet da Área Sanitaria de Vigo os postos das unidades das categorías de Enfermaría e Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría antes de ser chamado polo seu número de orde dende o servizo de persoal (chamamentos).
Eses postos están emprazados en centros de saúde e nos hospitais, en unidades como como Urxencias, UCI, Reanimación, Quirófano, Gabinetes, Hado, Radioloxía intervencionista, Hemodinámica, Hospital de Día Oncolóxico e diversas unidades de hospitalización.
Estas novos nomeamentos ven a sumarse a outros dez vínculos de longa duración de médicos de familia que acaban de formalizarse: tres en PAC (dous en A Garda e un en Cangas) e sete nos centros de saúde de Beiramar, Val Miñor, Ponteareas e A Guarda.