Unha oferta de actividades extraescolares que poden servir para a distracción dos pacientes ingresados no hospital Álvaro Cunqueiro. É a iniciativa que realizou o Colexio Atlántida de Vigo e que quedou resumida en catro vídeos nos que participaron alumnos e alumnas de entre 5 e 15 anos de idade.
A idea dos responsables do centro escolar vigués xurdiu ante a gran cantidade de vídeos que as familias dos escolares enviaron ao colexio. Neles incluíanse as actividades de todo tipo que os nenos e nenas estaban a realizar nas súas casas desde que se suspenderon as clases presenciais pola alerta sanitaria do coronavirus.
“Eran moitos os vídeos que me enviaban os alumnos durante o confinamento. Parecéronme divertidos e pensei en que poderían ser igual de divertidos para as persoas que necesitasen uns momentos de entretemento”, explica a profesora Esther Iglesias, titora de primeiro curso de Primaria e profesora de música do colexio.
A profesora propuxo a idea aos seus compañeiros e consultoullo ás propias familias que estiveron de acordo e enviaron os vídeos como si fora unha actividade extraescolar máis. E de aí xurdiron as “actuacións” dos nenos e nenas, agrupadas en catro bloques: baile, contacontos, xogos de maxia e xogos de preguntas.
Cada un dos bloques dedícase a unha destas actividades e conta cun vídeo propio, no que os distintos protagonistas, de todas as idades, exhiben as súas “habilidades”.
Así, pode verse como os pequenos tocan instrumentos ou interpretan cancións e bailes, ou relatan e describen os seus contos infantís. Ademais de protagonizar xogos de preguntas entre eles ou mostran os trucos de maxia que aprenderon nos últimos tempos. E sempre cunha espontaneidade que fai aflorar un sorriso a quen os ve.
Os catro vídeos foron enviados ao Álvaro Cunqueiro e compartidos xa montados na canle de Youtube da área sanitaria de Vigo para que os pacientes ingresados puidesen gozar ou entreterse cos seus contidos. Aínda que o seu contido podería percibirse que están dirixidos aos enfermos máis pequenos ingresados en Pediatría, a intención do Colexio é que se lle fagan chegar tamén ao resto de pacientes, sobre todo a aqueles que deben permanecer illados nas súas habitacións polas súas doenzas.
Iniciativas solidarias
A iniciativa do Colexio Atlántida de Vigo vén a unirse a outras moitas que nestes meses realizáronse por parte de distintos centros escolares da Área Sanitaria de Vigo, ben para apoiar ao persoal dos hospitais, ben para dar ánimos aos pacientes.
Todas estas iniciativas solidarias canalízanse a través das políticas de humanización implantadas na Área Sanitaria de Vigo desde hai anos e que amplían as súas actividades cada vez máis.
De feito son innumerables os proxectos solidarios que se expoñen nos hospitais vigueses ao longo do ano. Un número que medrou desde que comezou a crise do coronavirus, aínda que os formatos cambiaron nestes meses.
Se antes a maioría das actividades realizábanse de forma presencial, nas distintas plantas de hospitalización, sobre todo nas de Pediatría, agora pola restrición obrigada de presenza de persoas no hospital, son as actividades dixitais as que se impuxeron. Pero todas elas cun mesmo obxectivo como é facer máis a estancia dos pacientes que están ingresados.
Unhas iniciativas solidarias que están sempre a cargo de persoas voluntarias que as realizan de forma desinteresada sexa cal sexa a actividade que desenvolven.