O colexio Hogar de Vigo fixo chegar á Xunta de Galicia máis de 5.000 máscaras de primeira barreira de protección para reforzar o material de seguridade necesario para o persoal sanitario que se enfronta á epidemia do coronavirus.
Esta iniciativa, impulsada a instancias dos docentes do departamento de Artes Gráficas -coñecido como A Cociña Gráfica- vénse desenvolvendo desde o pasado venres 20 de marzo, cando se recibiu a validación de seguridade sanitaria pertinente tras someter a exame o prototipo de máscara realizado.
A partir dese momento, organizáronse dúas quendas de traballo diario integradas por docentes, persoal de administración e servizos (PAS) e antigos alumnos, cuxo ritmo de produción se foi incrementando ata chegar á elaboración de case as 200 máscaras por hora que se constata a día de hoxe.
Esta colaboración está sendo posible, ademais de pola iniciativa dun profesorado comprometido socialmente, grazas á axuda das grandes empresas do sector mediante a maquinaria que poñen á disposición do centro: SignTronic, Siser, Framun Techno, Tajima, Roland e Delikia. Pola súa banda, a Asociación Teis Robotics, ademais de fabricar o seu propio material para pantallas de protección facial con impresoras 3D, está axudando na terminación de cosido e encolado das máscaras.
A Xunta reparte equipos de protección nos concellos da área de Vigo
Pola súa banda, a Delegación Territorial da Xunta en Vigo, empezou a repartir entre os concellos da área territorial o primeiro material urxente de protección para atender ao persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais. Concretamente, entregáronse este martes máis de 20.000 pares de guantes e 2.000 máscaras entre os municipios da área viguesa.
Asemade, estase a recibir material e equipos de protección doados por empresas como PSA Citroën Vigo ou Armon, así como pola Federación Galega da Construción. Equipos de protección individual (EPI) que inclúen guantes, cascos de protección, batas de plástico ou pantallas protectoras e que serán enviados ao hospital Álvaro Cunqueiro para dotar ao equipo sanitario. Mentres, a rede de centros educativos da Xunta de Galicia cedeu todo material dispoñible e susceptible na loita contra o COVID-19.
Ademais, desde a delegación organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e discapacitados e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia levouse a cabo, no día de hoxe con estes equipos de limpeza, actuacións en Redondela e Pazos de Borbén.