O proceso de modernización no que está inmerso o Hospital do Meixoeiro experimentou un novo avance coa posta en marcha da primeira fase das instalacións renovadas de Radioterapia. Este proxecto enmárcase nunha actuación global de adaptación funcional de varias unidades, como a de Mama –xa operativa desde o mes de xaneiro- e o servizo de Medicina Nuclear, cun investimento total de 5 millóns de euros.
Nesta primeira fase xa están dispoñibles o novo acceso ao servizo e unha nova área de consultas e tratamentos de pacientes. Na seguinte fase vaise acometer a remodelación das áreas técnicas, administrativas e de traballo dos profesionais.
A apertura do citado acceso, con entrada directa desde o aparcadoiro superior, constitúe unha mellora da funcionalidade e unha maior comodidade para pacientes e acompañantes, que agora poden entrar nestas dependencias sen ter que percorrer os corredores do interior do hospital.
En xeral, o servizo conta con espazos máis amplos e modernos ao incrementar a superficie das súas instalacións con 360 metros cadrados máis, que antes pertencían ao almacén do centro médico.
Ese crecemento espacial permitiu incorporar á actividade asistencial oito novas consultas, dúas amplas salas de espera para pacientes ambulatorios, unha sala de recepción de pacientes, unha sala específica para pacientes pediátricos, e dúas salas de espera para pacientes en tratamento. Ademais realizáronse intervencións en aseos e outras zonas de uso común, que achegan no seu conxunto maior amplitude e comodidade aos espazos de espera e circulación deste servizo.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou este xoves o Meixoeiro para coñecer estas novas instalacións, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Julio Garcia Comesaña. Posteriormente, achegouse ao centro de saúde de Lavadores para interesarse pola situación dos profesionais e o desenvolvemento da actividade nesta nova fase de reactivación asistencial.
Unidade de Mama, Medicina nuclear e fachadas
O proxecto de mellora do Hospital do Meixoeiro tamén incluía as obras de modernización da Unidade da Mama así como as que se están levando a cabo no Servizo de Medicina Nuclear, a piques de rematar.
De xeito simultáneo tamén estase desenvolvendo a reforma da envolvente térmica con obras de mellora na cuberta, fachada e cerramentos, co obxecto de mellorar a eficiencia enerxética do edificio; controlar o consumo enerxético; e posibilitar a introdución de enerxías renovables e edificios sostibles.