O número de persoas contaxiados por coronavirus na área sanitaria xa superou a centena. A actualización de datos publicada este venres pola Dirección Xeral de Saúde Pública cifrou en 108 a cantidade de pacientes que deron positivo por COVID-19. A cifra é sensiblemente superior á ofrecida este xoves (84) e máis do dobre respecto á do mércores (49) por mor da aceleración de probas en casos que se consideraban leves.
A maioría dos afectados (81) permanecen illados nos seus domicilios. O resto están ingresados en hospitais (18 no Álvaro Cunqueiro, seis en Povisa y tres en Fátima). Destes, tres atópanse na UCI.
O total de contaxios rexistrados en Galicia ascende a 567. Deles, 152 son da área da Coruña, 46 da de Lugo, 63 da de Ourense, 83 da de Pontevedra, 94 da de Santiago e 21 da de Ferrol. Do total de positivos, 19 permanecen en UCI, 137 están en unidades de hospitalización e 411 no domicilio.
Polo de agora, en Galicia rexistráronse cinco altas de pacientes e seis falecementos. A última vítima mortal foi un varón de 89 anos, con múltiples patoloxías complexas previas, que estaba ingresado no Hospital de Monforte.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.gal), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.