Despois de mais dun mes de diferenzas, a comisión de centro do Complexo Hospitalario Universirario de Vigo (Chuvi) cualifica coma “positivos” os avances rexistrados nas negociacións entre a xerencia e os traballadores pero aínda así os considera “insuficientes”.
Por unha banda, gaba a retirada das sancións ás tres compañeiras das listas ‘pool’ -con contratos de días-, así como que xerencia e Acciona activen conversacións. Por outra, estiman necesario que o persoal de limpeza asuma a tarefa da recollida da roupa, contratando “persoal específico que sexa substituído nas vacacións, días de permiso, I.T. o calquera outra situación por persoal do paro e que en ningún caso poida ser detraído da actual persoal de limpeza”. Ademais, reclaman deixar sen consecuencias os escritos enviados ás 32 TCAES ao inicio do conflito.
Se non se chega a un acordo nesta semana, os traballadores pararán os días 18, 21, 25 e 28 de xuño, ademais de levar a cabo concentracións os dias 12 e 14 do mesmo mes.
A estas mobilizacións súmanse as que se desenvolverán este mércores e xoves no sector das ambulancias de Galicia, que se concentrarán entre as 10:00 e as 13:00 horas nas Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro.
O persoal reivindica así o “bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo”, caducado dende hai máis de dous anos e medio.
Apoio de Marea de Vigo
Así mesmo, o grupo municipal de Marea de Vigo rexistrou unha moción en apoio ao persoal TCAE e en rexeitamento ás “coaccións” exercidas pola dirección do hospital.
O texto da moción fai fincapé no modo no que van derivándose multitude de servizos cara á xestión privada: “O plan de penetración do privado na Sanidade Pública desenvolvida polo Partido Popular non consiste en grandes contratos de externalización da atención médica senón nun sibilino pero constante furar que logrou que a cidadanía descoñeza realmente o alcance das consecuencias das políticas privatizadoras que foron e están aplicándose”.
A concelleira Marga López Barreiro puxo como exemplo o Álvaro Cunqueiro e considerou “necesario” que desde as institucións “se exprese o apoio ás reivindicacións das TCAE xa que non son outras que a defensa da nosa Sanidade Pública”.