O curso estivo dirixido pola xefa do Servizo de Cirurxía Xeral, a doutora Raquel Sánchez, polo tamén polo cirurxián do servizo, Vincenzo Vigorita, e pola supervisora de quirófanos do Álvaro Cunqueiro, María Jesús Aros. Contou coa colaboración dos facultativos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, así como do persoal de enfermería de quirófano.
Durante tres días, en sesións de mañá e de tarde, o persoal de enfermería participante no curso, asistiu a cirurxías en directo de distinto tipo nas que se empregan técnicas e instrumental de laparoscopia.
As asistentes ao curso distribuíronse en grupos de tres para asistir a operacións noutros tantos quirófanos do Álvaro Cunqueiro, todas elas realizadas mediante técnicas avanzadas de laparoscopia.
As xornadas do curso completáronse en sesións de tarde con formación teórica a preto dos instrumentos que se utilizan neste tipo de técnicas cirúrxicas minimamente invasivas: sistemas de insuflación, plataformas de visión, sistemas de enerxía, endocortadoras e endograpadoras, sistemas de protección das feridas internas e prevención de lesións nerviosas nos pacientes
“A experiencia foi satisfactoria, con resultados excelentes que nos animan a repetir a organización de cursos similares en próximas edicións”, manifestou a xefa do Servizo de Cirurxía Xeral do Chuvi, Raquel Sánchez.
Novas convocatorias
De feito, a intención da doutora Sánchez é abrir a posibilidade de participar en próximas convocatorias a persoal pertencente a outros complexos hospitalarios de Galicia e, mesmo doutras comunidades autónomas.
A cirurxía laparoscópica é utilizada cada vez máis en intervencións de todo tipo, debido a que é menos invasiva para o paciente e provoca menores complicacións nos procesos de postoperatorio. Debido ao incremento deste tipo de técnicas, os instrumentais para as mesmas sufriron unha evolución moi importante nos últimos anos. Por iso, a posta ao día dos coñecementos e do manexo dos instrumentos é cada vez máis necesaria.