Un grupo de traballadoras pasou de novo a noite no vestíbulo do centro sanitario para esixirlle á xerencia que dea marcha atrás nunha decisión que está a provocar un empeoramento da calidade asistencia, xa que consideran que esta nova función réstalles tempo de atención aos pacientes.
Isto a pesar de que a dirección do centro médico volveu solicitar a presenza da policía, que nesta ocasión lles comunicou que tiñan que retirar a tenda de campaña instalada na entrada do hospital e os carteis alusivos a ao conflito laboral. As afectadas optaron por retirar unicamente a tenda de campaña.
Xa pola mañá, unha vez rematado o peche, as traballadoras recibiron a solidariedade dos compañeiros do servizo de limpeza. Tamén celebraron unha asemblea na que se decidiu convocar un novo peche de 24 horas para o vindeiro xoves 24.
Igualmente, acordouse facer un chamamento a todas as categorías laborais para que participen nunha concentración ese mesmo día ás 12:00 horas na entrada principal do hospital para rexeitar “un modelo de xestión que comezou reclasificando a lavandeiras, pinches e cociñeiros, seguiu cos celadores, agora tócalle ás TCAE, e non sabemos que colectivo profesional pode ser o próximo afectado”.