O comité de empresa de Acciona, concesionaria do servizo de limpeza e residuos do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, vén de rexistrar a convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro luns 14 de decembro para reclamar a contratación de máis persoal co que asumir as novas necesidades derivadas da pandemia. A “escaseza de efectivos” está a provocar unha “sobrecarga” de traballo entre o cadro de persoal, que se ve “impotente” para levar a cabo unha correcta desinfección das instalacións.
Dende a representación sindical explican que con esta convocatoria, que chega tras varias semanas de mobilización e de contactos coa xerencia do centro para abordar esta problemática, queren tamén denunciar os incumprimentos de convenio por parte da empresa e o feito de que faga ouvidos xordos aos distintos requirimentos da Inspección de Traballo. Segundo sosteñen, a mala xestión do servizo por parte de Acciona está a provocar “incontables queixas e demandas do persoal” en todas as quendas de traballo, o que levou as traballadores a ratificar en asemblea a convocatoria de folga.
En canto ao reforzo de persoal para atender o aumento de traballo derivado da crise da Covid-19, consideran necesario realizar 22 novas contratacións, o que “permitiría limpar áreas que agora se descoidan, como zonas comúns, baños ou vestiarios”. Neste senso, lembran que durante a negociación do convenio que tivo lugar antes da pandemia, xa reclamaban 17 novos contratos debido ás ampliacións e novas condicións de servizos rexistrados no hospital nos últimos catro anos.
Ao mesmo tempo, reclaman a creación dunha comisión paritaria de seguimento na que se comuniquen e consulten os incremento ou diminucións dos contaxios e as consecuentes variacións nos criterios de reforzo. Así como se especifiquen as tarefas a desenvolver en cada posto deste reforzo en todas quendas de traballo. E que se facilite formación teórico-práctica en ‘protocolos covid’ e titorización, segundo o plan formativo facilitado polo técnico de prevención, das persoas destinadas a realización de ‘postos covid’.
Por último, entenden que as zonas que non son propiamente receptoras de Covid-19 como partos, radioloxía intervencionista, quirófanos ou diálise deberán estar vixiadas “para mandar unha axuda sempre que os traballos específicos contra a pandemia que vaian xurdindo impidan atender as tarefas cotiás do posto”.