O persoal do Concello do Porriño aprendeu este venres a salvar vidas da man de profesionais do Hospital Álvaro Cunqueiro. Co gallo da celebración do Día Mundial da Reanimación Cardiopulmonar, que este ano se desenvolve baixo o lema ‘Aumentar a supervivencia da parada cardíaca é posible’, o servizo de Medicina Intensiva deste centro hospitalario organizou unha actividade informativa dirixida aos traballadores municipais para sensibilizalos da relevancia e repercusións da morte súbita cardíaca e formalos nas técnicas básicas de RCP.
O persoal de todos os departamentos municipais, incluído o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, participou nos talleres impartidos nas dependencias da Policía Local. “Saber dar unha resposta rápida e eficaz ante unha parada cardíaca é vital e pode chegar a duplicar a supervivencia”, explicou o rexedor. “Facelo correctamente é doado se sabes recoñecelos signos da parada cardiorrespiratoria e proceder da maneira correcta”, engadiu.
O alcalde quixo agradecer ao persoal sanitario a súa disposición. “Conseguir que os espazos públicos sexan espazos cardioprotexidos non pasa só por dotalos de desfibriladores, tamén hai que formar ao persoal que diariamente os frecuenta para que poidan actuar. Por iso esta actividade formativa estenderase, da man do Concello, a todos os centros culturais das parroquias, clubs deportivos e centros educativos”, anunciou.