A área sanitaria de Vigo está a facer unha análise da situación sanitaria dos residentes ingresados nos centros de maiores e nos centros sociosanitarios, especialmente vulnerables ante o coronavirus Covid-19. A actuación realízase ao amparo da tutela que asumiu a Xunta de Galicia sobre estes centros, tanto públicos como privados, durante a actual pandemia.
Así, equipos de Atención Primaria, compostos por médicos de familia e persoal de enfermaría, comezaron a visitar estes centros -un total de 71 con 4.378 residentes- co obxectivo de avaliar ‘in situ’ a situación sanitaria de cada un deles.
Nestas visitas os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde manteñen xuntanzas coas direccións destas entidades e cos seus equipos asistenciais para posteriormente realizar un informe da situación, que recolle as características de cada centro -datos estruturais, físicos, humanos, dotación de medios asistenciais e actividades- así como a dispoñibilidade dun Plan de Continxencia para o Covid-19.
A partires desa visita presencial establecerase un circuíto de comunicación para realizar un seguimento dos posibles casos sospeitosos, das medidas que se aplican en cada un dos pacientes, do tratamento preciso e, de ser necesario, da coordinación co servizo de Medicina Preventiva para realizar a toma de mostras.
Ademais, ven de constituirse un novo equipo COVID Residencias, liderado polo servizo de Xeriatría do Chuvi, para coordinar co persoal sanitario de Povisa e Atención Primaria, a atención sanitaria da poboación residente neste centros.
Reparto de material
Ademais, nas últimas horas a Xunta repartiu 40.000 pares de luvas e 6.000 máscaras sanitarias entre o persoal que segue desenvolvendo funcións nos distintos servizos municipais e nas residencias públicas. Asemade, entre o material urxente de protección que foi enviado constan 1.721 equipos de protección integral (EPI), así como batas desbotables, gafas, pantallas e diversos produtos de desinfección e limpeza.
Parte deste material, foi doado por empresas da área viguesa. Así mesmo, segundo os protocolos establecidos na loita fronte ao Covid-19, deuse instrucións para a redistribución do material existente nos centros educativos da rede galega susceptible de ser utilizado nesta crise sanitaria.
O material está sendo destinado aos concellos para o seu uso, principalmente, no Servizo de Axuda no Fogar e en Protección Civil, segundo as informacións facilitadas polos propios municipios.
Ademais, organizouse tamén a actuación do Servizo de Defensa Contra Incendios para levar a cabo a desinfección dos exteriores das residencias de maiores e persoas con discapacidade e dos centros de saúde. Concretamente, nesta provincia e ata o de agora leváronse a cabo, con estes equipos de limpeza, actuacións en Redondela, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén.