A xerencia da Estrutura Organizativa e Xestión Integral da área sanitaria de Vigo anunciou este xoves que cesa aos médicos dimisionarios, galardoados hai unha semana co premio Vigueses Distinguidos, e indicou que «aproveita para agradecer publicamente o labor daqueles profesionais que teñen decidido permanecer nos seus postos e liderar a modernización deste nivel asistencial».
«A necesidade de concretar un novo modelo de Atención Primaria ven imposta pola obriga de dar resposta a dous condicionantes da asistencia actual: a falta de médicos e o avellentamento poboacional. Nos últimos meses tense producido un gran avance, coa posta en marcha dalgunhas decisións moi importantes, como o novo contrato de continuidade; a convocatoria dunha oferta de emprego público; e o investimento específico de 17,3 millóns de euros para este nivel asistencial», sinla o Sergas no seu comunicado.
«Realidade sanitaria viguesa»
Asegura tamén na mesma nota de prensa que «a realidade é que a Atención Primaria da área sanitaria de Vigo dispón do maior orzamento da súa historia e o máis elevado das Estruturas de Xestión Integrada de Galicia, superando os 250 millóns de euros».
«Con cargo ao orzamento 2018, efectuouse un investimento de máis de 285.000 euros en distinto material, mobiliario e equipamento, que está sendo distribuído nos diferentes centros de saúde en resposta aos plans de necesidades propostos polas xefaturas de servizo. Ademais, nos últimos anos realizáronse importantes cambios organizativos, con dotación de recursos e tecnoloxía, que melloraron de forma determinante a atención ao paciente», engade.