O novo contrato foi posto en marcha para promover a estabilidade dos profesionais propios e facer captación de médicos de fóra de Galicia e incluso de España. Neste momento, a área sanitaria de Vigo ten contratados a catro médicos de familia con esta vinculación, que están traballando nos concellos de Redondela, Porriño, Tui-A Guarda e Vigo.
Ademais, a dirección da área continúa en conversas con varios profesionais de Portugal que poderían estar interesados na incorporación á Atención Primaria de Vigo nos próximos meses, polo que agardamos que esta sexa a primeira dunha serie de máis profesionais que se incorporen á área sanitaria de Vigo.
A Consellería de Sanidade está traballando en prol dun novo modelo de Atención Primaria que entre outros aspectos recolle medidas para á mellora da estabilidade laboral dos seus profesionais. Así, o pasado mes de xaneiro, o Sergas e as organizacións sindicais CESM-OMEGA, SATSE, CSIF e UGT pecharon un acordo en mesa sectorial sobre o establecemento dun nomeamento estatutario eventual de continuidade no ámbito do Servizo Galego de Saúde. En toda España só existe un modelo contractual equivalente en Euskadi.
Este tipo de contrato de substitución é unha nova modalidade para vínculos temporais do persoal médico de familia e pediatras de Atención Primaria do Sergas, que prevé contratos cun mínimo dun ano de duración e tres anos de máximo. Isto é, garante unha maior estabilidade no emprego, mellorando o ofrecido ata o momento ao reducir o número de chamamentos sucesivos.
O acordo recolle melloras consensuadas nas condicións laborais en materia de xornadas e descansos; a delimitación do ámbito de traballo; e o carácter voluntario da aceptación do contrato polos aspirantes.
O persoal vinculado con estes nomeamentos goza dos mesmos dereitos e obrigas que o restante persoal do centro ou centros aos que estea vinculado, en particular do mesmo réxime de descansos, permisos e vacacións.
O salario do novo contrato é de 61.500 euros anuais, en xornada de luns a venres, en queda de maña ou en quenda de tarde, e con dúas gardas ao mes. Será a voluntariedade do profesional o que permita aumentar o numero e gardas co conseguinte incremento retributivo.
Outras medidas de captación de profesionais
O contrato de continuidade é una das medidas postas en marcha pola Consellería de Sanidade para paliar a falta de médicos en paro para realizar substitucións. Na área Vigo tense adoptado outras actuacións orientadas á dispoñer de máis profesionais como o incremento de prazas MIR a 24 (a máis alta de Galicia). Ademais, a posibilidade de prorrogar a idade de xubilación ten suposto que máis da metade dos médicos -sempre de xeito voluntario- ampliaran o seu período activo.
Neste contexto, cabe subliñar tamén outras propostas xerais da administración sanitaria galega, como a solicitude ao Ministerio de Sanidad dunha convocatoria MIR extraordinaria e o incremento de prazas en formación; a convocatoria inminente dunha OPE cunha ampla oferta de prazas de médico de familia e pediatría (347 en total) ou creación de novas prazas de distintas categorías para a Atención Primaria (308 prazas ata 2021).